Lugonovo tilda de ridícula a partida de Lugo no proxecto de Orzamentos do Estado

A portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, cualificou esta mañá cun moi deficiente a partida económica queGoberno Central vén de asignarlle ao concello no proxecto de Orzamentos deste exercicio. “Se en 2017 Lugo practicamente non existiu para o Executivo do señor Rajoy, ¿que vai ser de nós este ano?”, pregúntase Cristina Pérez Herráiz despois de cuantificar en máis de 9 millóns de euros a rebaixa da consignación prevista con relación aos Presupostos anteriores.

A voceira da formación apunta que non hai máis que intentar entrar ou saír da capital para decatarse de que o PP está a someter ao municipio a un esquecemento permanente. “Todas as infraestruturas que nos comunican con resto do país atópanse nun estado precario de conservación até o punto de converterse en vías moi perigosas pola falta de mantemento que padecen: véxanse as estradas a Ourense ou a Santiago e a mesma autovía A6, co pavimento completamente desfeito que compromete a seguridade do tráfico. Por non falar do tren, o de alta velocidade nin mencionalo, ou das conexións ferroviarias sen modernizar dende a intemerata, que afondan no illamento da cidade e da provincia en xeral. Poucas e malas dotacións, obsoletas e desatendidas polos seus titulares que demostra que os lucenses somos para quen nos goberna, cidadáns de terceira categoría”, reprocha Pérez Herráiz.

Cristina Pérez mantén o ton crítico: “Os investimentos son escasos e iso cando os hai, porque outras intervencións, prometidas incontables veces, terán que seguir agardando. Non hai máis que ver os cero euros destinados á Rolda Norte ou ao estudo previo da nova comisaría de Policía nas vellas instalacións do Hospital Xeral”. A portavoz do Grupo Municipal subliña que á lista de desprezos para con Lugo cómpre engadir a conxuntura social na que deriva a xestión da dereita e “da que a nosa veciñanza non é allea”.

“O que entenden pola subida das pensións é para a nosa organización algo doloroso tendo en conta, especialmente, que a que se percibe nesta provincia é das máis baixas do Estado o que acentúa a brecha entre unhas rexións e outras. Tampouco concordamos coas súas políticas de emprego que apuntan á creación de novos postos pero nunhas condicións de precariedade laboral e inestabilidade aínda nunca coñecidas en España. Algo que se demostra en que aqueles que marcharon a traballar ao estranxeiro non poden sequera pensar en regresar. Non nos colle de sorpresa  eso, si – admite Cristina Pérez Herráiz. Cando bicar a bandeira e enxalzar os símbolos está por riba das persoas, é evidente que existe un problema de prioridades. Á vista están as consecuencias”, conclúe.

Escaseza tamén para a provincia

Se ben a cidade de Lugo non levou unha gran partida nos orzamentos xerais do Estado, a provincia tampouco. O mesmo ton crítico que usaba esta mañá a voceira de Lugonovo, era o que reflexaba o secretario provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, quen resaltou que “o PP inviste tres veces menos na provincia de Lugo que o PSOE en 2011. Cos populares os lucenses recibimos do Estado un terzo do que recibíamos cos socialistas. Todo isto, cando no 2011 se alertaba sobre a difícil situación económica en España e hoxe se presume da súa recuperación”.

O socialista explicou que no 2011, co PSOE no Goberno Central, os investimentos na provincia de Lugo superaban os 178 millóns de euros. Este ano, co PP no Executivo do Estado, recórtanse ata os 60 millóns de euros. Esta cifras oficiais constatan unha redución de máis de 118 millóns de euros nos últimos 7 anos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com