Os edís e a edil de Lugonovo afean ao goberno pola falta de vontade política para darlle o empuxón definitivo ao contrato para a xestión dos museos.
Despois de que a concelleira de Cultura asegurase onte que a nova adxudicación dependía da liquidación do orzamento de 2016, o voceiro da formación traduce o que esa escusa significa, tras solicitar asesoramento dos técnicos municipais.
“Parece ser que a partida económica asignada ao desenvolvemento da concesión non é suficiente, tendo en conta as modificacións que se fixeron no novo contrato. Unha falta de dotación que, por estar prorrogado o orzamento en vigor, podería paliarse sempre e cando se sacrificase unha porcentaxe das asignacións que lle corresponden a outros programas da área como poden ser as festas”, explica Santiago Fernández Rocha.
“Quere dicir que, se aínda non se publicaron os pregos é porque esta é unha decisión que a señora Basadre non debe estar disposta a tomar”.
O portavoz de Lugonovo lamenta que, dentro das prioridades do goberno, non se atope a de rematar cun contrato caduco e moi cuestionado publicamente.
“Consideramos que esta licitación é unha ferramenta fundamental á hora de potenciar o turismo e a promoción cultural da cidade. E non chegamos a entender de que maneira lle pode compensar ao executivo mantela nestas condicións, como un lastre económico, criticable administrativamente e sempre sometida á nebulosa dende a que opera a súa responsable política”, conclúe Fernandez Rocha.