O día un de xaneiro de 2017, entrou en vigor a nova directiva europea sobre teitos de emisións por estados, polo que o edil de Lugonovo, Iñaki García, explicaba esta mañá “segundo di Karmenu Vella, Comisario de Medio Ambiente, a contaminación atmosférica mata a 450.000 persoas ao ano en Europa, 10 veces máis que os accidentes de tráfico. Estas cifras evidencian que poñer límites ás emisións representa un logro ademáis dunha mellora na calidade da auga, do chan e dos ecosistemas xa que retrasará os efectos nocivos do cambio climático”.
A agrupación municipal, considera que os gobernos da Unión Europea deberían integrar estas premisas nos seus ordenamentos xurídicos antes do 30 de xuño do 2018 e elaborar un plan contra a contaminación para o 2019, establecendo asemade os límites máximos de emisión anuais.
“Neste escenario europeo poderíamos pensar que en Galiza, desfrutamos dun aire limpo e que este problema non vai connosco”, asegura Iñaki García, quen tamén advirte de que “o 15 % das emisións contaminantes do Estado corresponden á nosa comunidade e somos a segunda autonomía que máis aumentou a contaminación, segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR)”.
Segundo explica o edil de Lugonovo, é “evidente” que a maior responsabilidade recae nas grandes empresas xa que, nas súas palabras, “constitúen un conxunto de emisións extremadamente alto en comparación co tamaño da nosa industria, o número de habitantes, o PIB…”.
Para Iñaki García, “o maior problema reside en que estas emisións aumentan sen cesar”, polo que esta agrupación ve “moi preocupante” esta situación, e consideran que hai que “tomar decisións municipais e facer políticas que muden esta situación”.
Entre as medidas máis urxentes, Iñaki García destaca como prioritario que o executivo local se adhira ao Pacto dos Alcaldes, que compromete aos asinantes a reducir un 40% os gases de efecto invernadoiro antes do 2030. “Ademais consideramos moi necesaria a elaboración dun Inventario de Emisións e unha Avaliación de Riscos e Vulnerabilidades para presentar o Plan de Acción para a Enerxía Sustentable e o Clima”.
García Gómez considerou que se deberá incidir na redución e na reciclaxe dos residuos e traballar na sensibilización da cidadanía. Asemade, asegura que o comercio de proximidade debe plantexarse “como unha alternativa” dada a reducción de custes de transporte e, polo tanto, de CO2. “En definitiva, comezar a comprender que o planeta e os recursos non son infinitos e que precisamos vivir nun entorno san, porque temos dereito a un futuro mellor para as nosas fillas e fillos”, concluíu o edil de Lugonovo.