Lugonovo valora positivamente que a nova RPT propicie a equiparación salarial entre categorías similares

Nunha primeira valoración sobre os datos que contempla a RPT, presentada hoxe polo goberno, os edís de Lugonovo fan unha lectura positiva, en tanto que unha das metas que parece propiciar o novo documento é a equiparación retributiva entre as similares categorías profesionais que integran o organigrama municipal.

Resulta de xustiza rematar cos desequilibrios que, neste senso, reinaban no Concello sen ter uns criterios claros sobre o seu fundamento“, sinalou Santiago Fernández Rocha.

As limitacións legais que impiden aumentar a masa salarial do conxunto dos traballadores públicos aboca ás administracións a promover este incremento a través do complemento específico.

Entendemos que esta racionalización dos méritos elimina a arbitrariedade, evita os favoritismos e contribúe a motivar aos empregados na consecución dos obxectivos de cada sección”, apunta o voceiro.

Á marxe dos datos estritamente cuantiativos, Fernández Rocha subliña que “a presentación da RPT é, dende logo, o primeiro paso para a reordenación do persoal, a pedra angular do funcionamento desta institución, que permitirá atender as necesidades reais de cada departamento, solventando moitas das eivas que padecen as distintas áreas e que ralentizan a actividade burocrática”.

O portavoz do Grupo Municipal enfatiza que o primordial, neste intre, é que “tódalas forzas negociadoras manteñan unha vontade de diálogo e primen os intereses xerais sobre os sectoriais”.

Cómpre ter en conta que, sen este documento, prodúcese ademais unha importante distorsión dos recursos humanos porque a súa ausencia ampara a proliferación dun elevado número de contratos de persoal laboral temporal de forma perversamente indefinida”.

Igualmente destacado para Lugonovo é a forma na que se procecerá á xestión desta RPT. “Consideramos fundamental que se teñan en conta as aptitudes dos empregados para asignalos a aqueles postos nos que as súas cualidades profesionais permitan sacarlle o máximo rendemento ao cargo”, conclúe Santiago Fernández Rocha que agarda a estudar pormenorizadamente a nova Relación de Postos de Traballo para facer unha análise máis fonda.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com