O xurado do concurso de fotografía “Vexo, vexo…” convocado por Lugonovo, vén de escoller as obras gañadoras. Trátanse das fotografías “Vexo desde o patrimonio” de Cristina Barreiro González e “Tras o decorado” de Ringo Xabier Bruña García, que resultaron escollidas nas categorías de “imaxe cun contido máis salientable ou relevante” e “imaxe máis artística” respectivamente.
O xurado, composto por Eduardo Ochoa, membro do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Cristina López Eimil, arquitecta integrante do Colexio de Arquitectos de Lugo e Senén Olano, arquitecto e artista, valorou a capacidade das obras para amosar a cara habitualmente menos difundida da nosa cidade e para alentar unha lectura crítica da realidade material cotiá das luguesas e lugueses. Neste sentido, as imaxes ofrecen un discurso distinto ao hexemónico sobre a situación de Lugo permitindo así que a cidadanía recoñeza un modelo de urbe que cómpre superar, representado por un desleixo urbanístico que complica o uso e desfrute dos espazos comúns da cidade e degrada a paisaxe.
O certame desenvolveuse ao longo do mes de maio e comezos do de xuño, cun chamamento á poboación da cidade a compartir un ollar crítico sobre a situación de Lugo.