O candidato do PSdeG-PSOE pola provincia de Lugo, Luis Álvarez, denunciou nun acto na Fonsagrada o abandono e consecuente despoboamento que sofren a meirande parte dos territorios do rural lucense. Álvarez salientou a posta en valor dos sectores produtivos como método indispensable de desenvolvemento no rural, así como a posta en marcha de políticas activas de emprego que axuden a fixar a poboación.
“Ante o desinterese total do Goberno Feijóo polo rural, nós propoñemos un Plan de Revitalización Demográfica, potenciando o emprego, facilitando a mobilidade cunha rede de transporte de calidade e achegando servizos públicos aos municipios máis pequenos para frear o despoboamento e garantir un maior benestar”, explicou Álvarez.
“Temos a obriga e a responsabilidade de cambiar as políticas dos populares na Xunta, non pode ser que se dediquen catro de cada dez euros á extinción de incendios esquecendo por completo a prevención, non se pode permitir este total abandono dos nosos agricultores e gandeiros, maltratando o sector primario sen buscarlle toda a potencialidade que ten”, expuxo o candidato socialista.
Pola súa banda, a candidata número dous da lista lucense, Concepción Burgo, retomou a argumentación de Álvarez comentando “a sorna do señor Feijóo ao facernos crer que os problemas demográficos se ían solventar cunha caixiña finlandesa, ou con partidas orzamentarias a escasos meses dos comicios electorais nun afán de ocultar con parches toda a desfeita que fixo ao longo destes anos”, zanxou.