Luis Álvarez: Feijóo gasta a dobra en libros e da peor servizo que co sistema de préstamo

O candidato lucense do PSdeG-PSOE, Luís Álvarez, ofreceu nunha sectorial de educación, celebrada na Casa Sindical de Lugo, a súa visión sobre as eivas actuais do sistema educativo como profesional da ensinanza. No seu discurso, apoiouse na súa longa traxectoria como directivo de centros de ensinanza e Inspector de Educación. Neste encontro puxeron de manifesto que a educación foi fortemente minguada en canto aos recursos, chegando a cuantificar unha redución de 400 millóns de euros con respecto ao 2009, ano no que entrou Feijóo no Goberno da Xunta.

“A meirande parte da comunidade educativa pide volver ao modelo que tiñamos antes do 2009, cando gobernaba o PSdeG”, apuntou Álvarez, quen centrou o seu relatorio principalmente en tres consecuencias que afrontan os centros de ensino “pola pésima xestión educativa de Feijóo”. O primeiro deles “ten que ver cunha Galicia trilingüe imaxinaria, en base a unha proposta que creou un conflito lingüístico onde non o había e intentou implantar, só sobre o papel,  unha rede de centros plurilingües sen ter en conta a situación real da sociedade e dos centros”, explicou, achegando unha alternativa “a este despropósito, que pasaría por dotar debidamente aos centros de profesores nativos e formar ao profesorado nestas competencias, sen vender fume nin enganar á xente”.

Asemade, o candidato socialista trasladou a súa preocupación polo “custo tan elevado do material escolar, obrigando a cada familia a pagar por cada un dos seus fillos preto de 400€, unha contía desorbitada tendo en conta que en moitos casos supón máis da metade dos cartos que entran nalgúns fogares”, lamentou. “O sistema gratuíto de préstamos que volveremos a implantar en Galicia, está avalado por un informe do defensor do pobo como o máis económico e o máis xusto”, subliñou Álvarez, aseverando que “o Goberno de Feijóo leva anos gastando o dobre co actual sistema que chaman solidario, chegando tan só a un 40% do alumnado, recibindo axudas que non cobren nin a terceira parte deses 400€ que gastan por cada fillo”, subliñou, “a Administración gasta agora máis cartos para dar menos servizos, é inexplicable e intolerable”. Ademais, referiuse á LOMCE como “unha lei feita de costas á comunidade educativa”.

Pola súa parte, o concelleiro de Lugo e docente, Manolo Núñez, incidiu na importancia da formación e o coñecemento como conditio sine qua non para que unha sociedade avance de xeito positivo. “É crucial ter unha boa calidade educativa para o futuro da nosa cidade e da nosa comunidade autónoma”, comentou, engadindo que “a Consellería fai unha descarada deixación de funcións en materia de comedores escolares e garderías, cargando aos concellos e aportando partidas totalmente insuficientes”, reprobou.

 

Os relatores coincidiron coa Secretaria de Organización da FeSP-UGT Lugo, Montserrat Rodríguez,  que denunciou “a brutal redución de profesorado, así como as leis que quedan moi bonitas no Diario Oficial de Galicia, garantindo igualdade, convivencia, loita contra o acoso escolar, pero para as que se dedican recursos mínimo ou inexistentes”, finalizou.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com