Na miña nenez foi un acontecemento en Vilalba o incendio dunha zapatería na rúa principal que ardeu durante tres días. E espectacular foi un lume no centro de Muras, nos anos sesenta, no que ardeu unha casa, aínda agora sen reconstruír, na que os moradores salvaran a vida avisados polos choros dunha nena. No Lugo de 1966, foi tremendo o incendio da Casa de Alvarado no fondo da Praza Maior. Para sufocar estes lumes só existían os bombeiros do Concello de Lugo, que tiñan a obriga de atender primeiro aos da cidade, e logo –se se podía- ao resto da provincia.
Puido ser tráxico o recente incendio que devorou varias naves no Ceao, que se estendeu rapidamente polos materiais que almacenaban as naves afectadas. A non existencia de vítimas limita a magnitude do suceso que causou cuantiosos danos ás instalacións das empresas arrasadas con perigo de perda de postos de traballo.
É confortante a mellora das condicións de loita contra o lume, xa que se hai anos toda a provincia dependía dos bombeiros da capital, nesta ocasión acudiron a reforzar aos especialistas lucenses dotacións de Vilalba e outros pobos veciños que agora posúen tan esencial servizo.
Aínda que os humanos non podemos controlar os elementos, sabemos que o inxenio, a forza de vontade, e as axudas de institucións e particulares paliarán os danos sufridos, e o mesmo que nun lume forestal a natureza fai que herbas e árbores logo volvan medrar, o traballo dos afectados e o paso do tempo fará que os postos de traballo se manteñan, as empresas se recuperen, e este incendio sexa tan só un mal recordo, do que todos teremos moito que aprender.