O Presidente da TIC da Deputación, Darío Campos Conde, participou este venres xunto a ducias de veciños no Banco de Recordos Memoria Dixital Lugo que tivo lugar na Oficina de Turismo do Concello da Pontenova. Este proxecto desenvólvese no marco do programa de “Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia”, dotado con 175.000 euros, e que xestiona a Fundación TIC da Deputación.
Campos Conde subliñou que “as novas tecnoloxías son unha ferramenta moi útil para mellorar a calidade de vida dos maiores nunha provincia como a nosa, cunha poboación envellecida e dispersa. De aí a importancia do traballo da TIC coa alfabetización dixital dos maiores. Dende a Deputación, ampliamos a todos os lucenses o banco de recordos para que formen parte do arquivo da nosa provincia”.
Durante a xornada, os participantes relataron a profunda tradición que o Concello garda cos oficios tradicionais como os anticuarios e a ebanistería, e como era vida no municipio cando este tiña tren, cine, ou as impresións cando chegaron as súas vidas inventos como a televisión e a radio, que cambiaron as costumes dos veciños da Pontenova.
Memoria Dixital Lugo
No último trimestre de 2016 a TIC estase a desprazar por toda a provincia para impartir 15 obradoiros sobre o uso do móbil coa finalidade de gravar recordos dos lucenses participantes que formarán parte do arquivo Memoria Dixital Lugo. Este é un programa pioneiro na provincia de Lugo, especialmente dirixido aos maiores, pero aberto a todos os lucenses interesados en contar as súas testemuñas.
Memoria Dixital Lugo (www.memoriadixitallugo.es) inclúe vídeos, audios, fotografías antigas e diversos documentos que axudarán a coñecer mellor a historia recente da nosa provincia, especialmente a da primeira metade do século XX.