Maiores Lugo 3.0 da Deputación abre páxina en Facebook para ofrecer o seu servizo aos lucenses durante a pandemia

A Deputación de Lugo abriu a través dos Servizos Audiovisuais unha páxina en Facebook de Maiores Lugo 3.0, o programa do organismo provincial co que se promove o uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos, así como a súa autonomía persoal. O obxectivo é que os maiores da nosa provincia poidan seguir activos desde as súas casas mentres non sexa posible impartir a programación habitual de cursos presenciais por mor da pandemia da Covid-19.

Esta iniciativa formativa e interactiva está dirixida especialmente aos maiores, aínda que está aberta a todas as persoas que queiran participar, xa que os seus contidos poden interesar a calquera cidadán, independentemente da súa idade. Deste xeito, facilítase unha nova vía para que os maiores, que en moitos casos viven sós, poidan seguir en contacto nestes tempos nos que a Covid-19 lles impide asistir a cursos e obradoiros e ven reducido ao mínimo os seus contactos presenciais.

O novo espazo, que xa está funcionando, publica todos os días contidos audiovisuais, xogos, adiviñas e pasatempos para exercitar a mente, así como tutoriais sobre aplicacións e ferramentas tecnolóxicas para aproveitar ao máximo o uso das TICs. Ademais, estanse a compartir fotografías antigas do banco provincial de recordos de Memoria Dixital Lugo, tamén promovido polo Servizo de Audiovisuais a través de  www.memoriadixitallugo.es, co obxectivo de abrir o diálogo entre os internautas e que poidan interactuar con comentarios ou achegando outro material gráfico e audiovisual.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com