O centro de atención aos turistas da Praza do Campo atendeu o pasado mes un 14% máis de visitantes que hai un ano. Así o avanzou este xoves a Concelleira de Turismo, Cultura, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen subliñou que “este incremento de máis do 50% das visitas á oficina de turismo do Concello no mes de agosto con respecto a xullo, consolida a Lugo como destino turístico”. O venres 13 de agosto foi o día que máis turistas se achegaron á Praza do Campo, un total de 580, rexistrando este servizo municipal unha media diaria de 335 demandantes de información.
“Lugo é unha cidade referente para os turistas nacionais”, avanzou Basadre, ao tempo que sinalou que o 87% dos visitantes atendidos eran españois. Un mes máis, os madrileños continúan estando á cabeza (2.254), seguidos de cataláns (1.266) e vascos (987). “Dentro da comunidade, os pontevedreses son os máis fieis en elixir a nosa cidade como destino turístico”, destacou a edil.
En canto ao turismo estranxeiro, dos 1.381 foráneos, o 30% procedían de Francia e Italia, tal e como explicou a Concelleira. Do resto de visitantes estranxeiros, destacan os portugueses e os alemáns. A oficina de turismo municipal rexistrou a súa maior actividade entre as 12:15 e as 13:30 horas aproximadamente. Nesta franxa achegáronse á Praza do Campo o 50% dos visitantes.
No tocante á ocupación hoteleira, a edil explicou que no mes de agosto superou o 80%, incrementándose as pernoctacións en máis de sete puntos con respecto ao mesmo período do 2014. Polo que respecta aos museos, a Concelleira avanzou que recibiron máis de 5.500 visitas no mes de agosto, un 37% máis que o mesmo período do 2014,
A Casa dos Mosaicos continúa a ser a máis visitada, con 2.492 persoas no mes de agosto, preto dun 50% máis que en xullo; seguida da Domus Mitreo, con arredor de 1.200 visitas, e o Museo Interactivo da Historia de Lugo, con arredor de 600 visitas ás súas instalacións. Á sala de exposicións de Porta Miña achegáronse máis de 460 visitantes, preto de 200 máis que en xullo.