Máis de 100 estudantes de toda Galiza reuniranse o sábado na Casa-Museo Manuel María para recitar versos de Rosalía e do poeta chairego

A Casa-Museo Manuel María, de Outeiro de Rei acolle este vindeiro sábado 18 de marzo a fase final do concurso escolar de recitado poético Rosalía sempre viva, que este ano chega xa á súa terceira edición.

Esta iniciativa escolar, a cuxa fase final chegan máis dun centenar de rapazas e rapaces procedentes de toda a xeografía galega logo dunha fase previa desenvolvida nos centros educativos inscritos, está dirixida a todo o alumnado galego de ensino non universitario, desde Primaria a Bacharelato.

Centrada no recitado de versos da obra en galego de Rosalía de Castro ou da ampla produción poética de Manuel María, o concurso escolar que convoca a Casa-Museo Manuel María ten como obxectivo potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e o recitado da poesía de dúas das voces máis importantes e populares da nosa literatura. O alumnado participa do certame en catro categorías diferentes a depender da súa idade: a Categoría 1 e 2 corresponden cos cursos de Educación Primaria e a 3ª e a 4ª cos da ESO e o Bacharelato.

A participación na fase final é individual, podendo seleccionar cada centro un máximo de 2 alumnas/os finalistas por cada categoría. Porén, na Categoría 1 (1º, 2º e 3º de Primaria) é posíbel a participación en grupo, un ano máis a opción preferida por case todos os centros que concorren na mesma.

Dado o elevado número de alumnas e alumnos concursantes e a limitación dos espazos da Casa- Museo, a xornada do vindeiro sábado celebrarase en dúas quendas, de mañá e de tarde. A final para as categorías 1 e 2 comezará ás 11 da mañá e para as 3ª e 4ª ás 16.30 horas. A entrega de premios terá lugar, a da mañá, a partir das 12.30 horas e a da tarde a partir das 18.10. Mentres o xurado delibera, tanto o alumnado como as familias e profesorado acompañantes poderán percorrer o interior da Casa-Museo por medio de visitas guiadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com