O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou esta mañá en Vilalba, xunto cos representantes dunha vintena de colectivos e dos Concellos da Terra Chá, na mesa de traballo sobre o sector turístico, organizada polo Goberno provincial no marco da preparación do seu Plan Estratéxico de Turismo. Vidal Baamonde destacou “a gran implicación e participación das institucións e entidades da Terra Chá, entre as que estiveron representados os municipios de Vilalba, Meira, Muras, Xermade, A Pastoriza, Begonte, Guitiriz e Cospeito. Só faltaron os representantes de Castro de Rei, Abadín e Outeiro de Rei”.
Alcaldes e técnicos municipais, representantes de oficinas de turismo, dos centros culturais e técnicos das Denominacións de Orixe, entre outros, debateron durante tres horas sobre os aspectos máis relevantes para impulsar o turismo da Terra Chá e coincidiron en sinalar os recursos hídricos como os humidais, os ríos e os muíños de auga, como un dos principais elementos identitarios do seu territorio. Ademais, tamén propuxeron a creación de rutas que combinen ao tempo propostas culturais, gastronómicas e naturais.
Logo da celebración desta mesa de traballo en Vilalba, os seguintes encontros terán lugar en Lugo, o 14 de marzo; en Pedrafita do Cebreiro, o día 16, e Monforte de Lemos, o día 21. Ademais, xa tivo lugar a mesa de traballo da Mariña, o pasado 7 de marzo.
Estas iniciativas de escoita activa forman parte da preparación do Plan Estratéxico de Turismo da Deputación, un plan elaborado con metodoloxías participativas, que inclúe a celebración de 5 mesas de traballo coa participación de 200 entidades de toda a provincia. Ademais, contempla a realización de 20 entrevistas en profundidade con expertos e a distribución de enquisas en liña a 40 colectivos do sector turístico. O obxectivo de todas estas accións é recadar datos e propostas para incorporar ao plan.