O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, deron o pistoletazo de saída á Volta ás Comarcas de Lugo 2017, Desafío Volta Lugo, que arrancou este venres dende a Praza Maior da capital luguesa e continuará durante toda a fin de semana. Celebraranse 3 etapas, que discorrerán por 13 Concellos. Son 176 os participantes, que proceden de toda Galicia, así como Ibiza, Barcelona, León, El Bierzo, Asturias, País Vasco, Segovia, Madrid, Valencia ou Cáceres.
Campos Conde apuntou que o Goberno da Deputación colabora coa celebración desta cita con 65.000 euros co obxectivo de promover a actividade deportiva e o turismo. “Creo que este é un investimento que contribúe en certa medida a reactivar a economía da nosa provincia, pois durante toda a fin de semana contaremos con máis de 200 familias de toda España facendo vida nos nosos Concellos, comendo, mercando ou aloxadas nos establecementos lucenses; así como coñecendo a riqueza turística que fai de Lugo unha provincia única, e que, de seguro, fará que volvan”.
A Alcaldesa de Lugo subliñou que o apoio do Concello á Volta Ciclista ás Comarcas enmárcase no compromiso do Goberno local por potenciar o deporte base, “que consideramos fundamental, pois, ademais de fomentar hábitos de vida saudables, tamén inculca valores aos nenos e nenas, aos que lles tocará capitanear o futuro da nosa cidade, a nosa provincia e a comunidade”.