O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández Queipo, supervisaron este martes os traballos de roza que se están a levar a cabo na rede viaria da provincia de Lugo, a máis extensa de España ao superar os 4.300 quilómetros. Campos Conde destacou que “estas actuacións, nas que investimos 700.000 euros, cumpren un dobre obxectivo: a mellora das estradas provinciais e o mantemento de máis de 200 postos de traballo”.
O organismo provincial contratou a 19 autónomos e pequenas empresas da provincia para a execución do plan de desbroce e roza da rede viaria provincial. Son 208 traballadores destas entidades os que están a levar a cabo estas actuacións.
Nas estradas provinciais, hai despregadas 60 máquinas. A roza é mecánica e manual, é dicir, non se emprega ningún tipo de axente químico, a diferenza doutras administracións, para protexer e respectar o medio ambiente. Os máis de 4.300 quilómetros de vías tradúcense en 8.600 quilómetros de paseos, 8.600 quilómetros de taludes e 4.500 quilómetros de gálibo, nos que hai que eliminar a vexetación herbácea e arbústica. Isto supón un total de 21.200 quilómetros nos que se realizarán estas tarefas.