Máis de 200 persoas xa se inscribiron nos cursos online homologados pola Fundae que promove o Concello de Lugo

Máis de 200 persoas xa se inscribiron nos cursos online homologados pola Fundae que promove o Concello de Lugo. O executivo municipal asinou un acordo de colaboración coa entidade Foro de Formación y Ediciones para ofrecer formación en liña e gratuíta á cidadanía, centrada nas novas tecnoloxías da información aplicadas en diferentes sectores produtivos como: metal, alimentación, agricultura, gran distribución e actividades medioambientais.

Deste xeito, en menos dun mes, rexistráronse un total de 203 inscricións, das cales 118 corresponden a mulleres (o 58,13%) e 85 a homes (o 41,87%). A maior demanda correspóndese coa realización de cursos relacionados coas TICs e, por sectores, destaca o da alimentación e o medio ambiente.  Así mesmo, o 60% das persoas que se inscribiron atópanse en situación de desemprego. Dos demandantes que actualmente se atopan ocupados, o 8,3% son autónomos e o resto traballadores por conta allea.

Cada persoa poderá realizar un máximo de 180 horas de formación, repartidas en diferentes cursos, ou ben un único curso de 200 horas. No caso dos cursos relacionados coas TICs o número máximo de horas a realizar será de 120 horas.

A planificación dos cursos é mensual e pode consultarse a través da web do Concello e do Servizo de Orientación Laboral. A metodoloxía formativa é de  teleformación, utilizando as plataformas do Foro de Formación y Ediciones S.L. e todas as accións formativas estarán titorizadas por docentes especializados.

Unha vez rematada a formación, os alumnos serán acreditados co título que lles recoñece que fixeron a formación e superaron as diferentes probas. Os alumnos recibirán un título homologado pola FUNDAE (Fundación Estatal Para a Formación para o Emprego), acreditando a superación do curso e o número de horas realizadas. Así mesmo, as diferentes accións formativas, estarán supervisadas polo SEPE.

As persoas interesadas en realizar a formación, deberán cubrir o formulario que poderán atopar na páxina web do Concello. Será o propio SEPE quen autorice directamente a realización dos cursos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com