Máis de 200 veciños de 9 parroquias do Concello de Lugo se darán cita esta sábado no Veral na Feira da Troita con Xamón, unha cita que organiza a federación de asociacións de veciños por segundo ano consecutivo e na que se degustarán máis de 2.000 unidade de troita, que se fritirán cunha lasca de xamón no medio. Son veciños das parroquias de Ombreiro, Meilán, Adai, Bocamaus, Orbazai, Vilachá de Mera, Torible, Santa María Alta e o Veral.
Terá lugar na área recreativa de Rebordaos, no Veral, onde Deputación e Concello de Lugo realizaron obras de acondicionamento para transformar o que un día foi un vertedoiro, nun espazo de lecer que conta con mesas, bancos e asadores de cantería.
A xornada arrancará as 14:15 horas, coa inauguración do parque infantil da zona, que financiou o Concello de Lugo. De seguido, cara as 14:30 horas, empezará o xantar popular. Ademais, para completar o menú da xornada, haberá outro tipo de produtos da provincia, como o pan e empanadas de Antas ou embutidos da zona da milagrosa, entre outros.
Trátase dunha cita gastronómica e cultural que busca poñer en valor e recuperar a tradición de pesca que troita que había, durante os anos 60, 70 e 80, no río Mera. Era un río que contaba con amplo recoñecemento pola calidade das súas troitas e das súas augas. De feito, era moi habitual que os veciños da zona fosen a comer as troitas do río ao Veral. Hoxe en día non se pode facer posto que a pesca está prohibida. É por esta razón pola que se decidiu facer a Feira da Troita con Xamón, para recuperar e poñer en valor esta tradición.