Máis de 25 colectivos participan na Mesa de Turismo de Lugo organizada pola Deputación

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e a Concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre Vázquez, mantiveron esta mañá en San Marcos un encontro cos máis de 40 participantes de 25 entidades, na Mesa de Turismo organizada polo Goberno da Deputación para debater sobre as oportunidades e ameazas do sector na provincia lucense.

Campos Conde agradeceu a participación que están rexistrando as diferentes mesas organizadas nos xeodestinos, “xa que estas reunións son interesantes para poñer enriba da mesa a problemática do sector”.

O Presidente salientou as grandes potencialidades da provincia: “en Lugo temos de todo, mar, natureza e montaña; o problema é que as pernoctacións son moi baixas e para cambiar isto todos temos que poñer o noso gran de area”, continuou. E emprazou a que “o sector privado e as administracións públicas camiñen na mesma dirección para converter Lugo nun referente turístico”.

5 Mesas de Turismo con 200 entidades participantes

A través de enquisas e de diversas dinámicas de grupo, os participantes na Mesa de Turismo de Lugo, entre as que se atopaban Concellos, agrupacións de empresarios e hostaleiros, asociacións da industria agroalimentaria, museos e colectivos culturais e medio ambientais de diversa índole, identificaron os principais recursos turísticos da provincia, así como as debilidades que cómpre solucionar. Entre os recursos estrela, a gastronomía, a natureza e o patrimonio cultural foron algúns dos máis citados; e as deficiencias nas comunicacións, a falta de infraestruturas e o descoñecemento das potencialidades, os puntos débiles.

Logo da celebración desta mesa de traballo en Lugo, os seguintes encontros terán lugar; en Pedrafita do Cebreiro, o día 16,  e Monforte de Lemos, o día 21. Ademais, xa se celebraron as mesas de traballo da Mariña e da Terra Chá. En total, están chamadas a participar 200 entidades, entre as que se inclúen os Concellos incluídos en cada un dos 4 xeodestinos lucenses.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com