O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, presentou hoxe no Pazo de San Marcos a XXXIV Copa Deputación de Fútbol Memorial Pedro Tapia, que organiza o Executivo Provincial coa colaboración da Federación Galega de Fútbol. Fíxoo xunto ao Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, ao Vicepresidente da Federación Galega de Fútbol en Lugo, Carlos Méndez Moreira, ao Concelleiro de Deportes de Lugo, Miguel Fernández Méndez, e ao exfutbolista lucense ao que se dedica o torneo, Pedro Tapia.
O organismo provincial inviste nesta iniciativa 100.000 euros. Son uns 15.000 euros máis que nas anteriores edicións pois, en resposta as peticións dos clubes, a institución tamén asume os custos de arbitraxes e desprazamentos. Durante a presentación do torneo, realizouse o sorteo de emparellamentos que terán lugar durante os meses de maio e xuño por toda a provincia. Campos Conde subliñou que “dende o Goberno da Deputación somos conscientes da importancia de que as institucións públicas apoien e fomenten o deporte base lucense para que este continúe medrando, e entre todos, no futuro, academos grandes éxitos para a nosa provincia. Estamos moi satisfeitos de poder presentar iniciativas coma esta que traballan en favor dos máis novos, inculcando valores tan importantes como a solidariedade, o esforzo e o compañeirismo.”
Por primeira vez nos 34 anos de historia da Copa Deputación de Fútbol, o Executivo Provincial e a Federación Galega de Fútbol, dedican a edición do torneo ao exfutbolista Pedro Tapia, recoñecendo o inmenso traballo e labor realizado polo lucense para que esta disciplina deportiva progresase.
Como novidade, este ano a competición deportiva reúne a equipos de todas as categorías a nivel provincial co obxectivo de promocionar e impulsar o fútbol base lucense. Para facer máis dinámica a Copa Deputación de Fútbol, o sistema de competición será a partido único ata a final. Ademais, a final das categorías Preferente Autonómica e Primeira Autonómica masculina celebraranse o 25 de xuño no Estadio Anxo Carro do Club Deportivo Lugo.