Máis de 3.000 persoas desempregadas foron beneficiarios directos das axudas e programas de fomento do emprego desenvolvidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria na provincia de Lugo durante o pasado ano.
Así o destacou hoxe o delegado territorial, José Manuel Balseiro, quen explicou que se investiron preto de 19 millóns de euros en accións formativas e de incentivo para a contratación e o autoemprego.
Balseiro afirmou que as persoas en desempregadas “constitúen un colectivo de acción preferente, unha prioridade para o goberno de Galicia” e sinalou que as políticas da Xunta seguen dúas liñas fundamentais de actuación: as axudas económicas para a creación de postos de traballo e as iniciativas de formación e orientación.
Con respecto ás primeiras, afirmou, destináronse máis de 7 millóns de euros a promocionar a contratación por conta allea, financiando a contratación indefinida e a contratación de mozos, fomentando o emprendemento a través de axudas de emprego a autónomos ou estimulando o desenvolvemento das cooperativas e as sociedades laborais.
Balseiro subliñou que, deste xeito, as políticas de emprego da Xunta chegan a máis beneficiarios, “xa que a tarefa dos axentes de emprego e orientadores laborais que se sufraga aos concellos é precisamente exercer en todo o territorio un servizo próximo e eficaz de apoio ás persoas desempregados na busca activa de emprego”.