As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Chantada entregarán mañá xoves, 9 de xaneiro, as máis de 3.000 sinaturas recollidas entre a veciñanza do municipio en rexeitamento á privatización do SAF iniciado polo Goberno municipal e para demandar un servizo 100% público, estable e de calidade.
As sinaturas, dirixidas á Consellería de Política Social, serán entregadas polas delegadas do persoal e representantes da CIG no rexistro do Concello de Chantada, ás 13:30 horas.
Dende a CIG subliñan que estas traballadoras están en folga indefinida dende o pasado 28 de outubro, despois de facerse pública a intención do alcalde de iniciar o procedemento para a privatización do servizo e a negativa do goberno local de abrir unha mesa de negociación co persoal para mellorar a xestión do servizo.
“Malia o tempo transcorrido e os intentos de boicotear a folga (decretando uns servizos mínimos abusivos que están recorridos e mesmo pretendendo substituír ás traballadoras en folga), a día de hoxe, nin dende a Concellería de Servizos Sociais nin dende a Alcaldía se explicou ás traballadoras afectadas que vai ocorrer cos seus empregos, se haberá subrogación e como se fará, que condicións laborais e salariais se recollen nos pregos ou que orzamento se vai destinar ao contrato. E iso que todo apunta a que será a finais deste mes de xaneiro cando o Concello publique as bases do concurso”, denuncian dende o sindicato.
Ao contrario, alerta Xosé Manoel Silva, responsábel da Unión Local da CIG de Monforte, “dende o Goberno municipal estase a perseguir a este colectivo de traballadoras e xa se lle abriu expediente disciplinario a unha compañeira por negarse a realizar labores que exceden as súas funcións. O Concello xustifica a privatización do SAF dicindo, entre outras cousas, que non ten persoal suficiente para atender o servizo e a solución que se lles ocorre é sancionar as traballadoras?”, pregúntase.
Neste senso, Silva lembra que a mediados de decembro a Inspección de Traballo visitou o SAF a raíz da denuncia presentada pola CIG polos “múltiples incumprimentos” en materia laboral que se están a rexistrar. Así, Xosé Manoel Silva exemplifica estes incumprimentos coa ampliación ilegal das xornadas de traballo, a denegación de días de asuntos propios ou irregularidades nas contratacións a través da empresa privada coa que o Concello cubre as ausencias do persoal.
Baixo estas circunstancias, ademais de entregar as sinaturas recollidas, o próximo xoves as traballadoras tamén se volverán concentrar ás 20:00 horas na Praza de Galicia para demandar do Concello que paralice a privatización do SAF.