O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o Concelleiro de Deportes de Rábade, Alejandro Martínez Campos, o Presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea García, e o Presidente do Club Fluvial de Lugo, Modesto Valledor Teijeiro, e o xerente do Hospital Polusa, Justo Jorge López, presentaron esta mañá no recinto do club o LXII Descenso Internacional do Miño, que terá lugar o vindeiro sábado a partir das 16:30 horas, con saída en Rábade e chegada na capital luguesa.
O organismo provincial realiza unha achega anual de 15.000 euros para a organización de diferentes actividades deportivas na provincia a través do Club Fluvial de Lugo, entre as que se atopa o 62 Descenso Internacional do Miño, a segunda proba de piragüismo máis antiga de España e un referente do piragüismo galego.
Rivera Capón resaltou “a importancia deste descenso para a provincia, polo número de participantes e de afeccionados que se achegan a vivir o espectáculo, converténdose non só nunha xornada competitiva con creces, senón tamén nun día de festa, especialmente nos Concellos polos que discorre o percorrido”. O Deputado aproveitou para “felicitar ao Presidente da Federación Galega de Piragüismo polos oito metais conquistados no Mundial de Hungría”, e destacou “as dúas medallas de ouro conseguidas esta fin de semana polo padexeiro lucense, Cristian Toro”.
A disputa da edición 62 do Descenso Internacional do Miño contará este ano coa participación duns 330 padexeiros e preto de 270 embarcacións, procedentes de 31 clubs galegos, o que supera os 28 que estiveron representados o ano pasado.
Esta nova edición da que é a segunda proba más antiga do piragüismo español presenta este ano unha novidade, como é a equiparación dos percorridos tanto para homes como para mulleres. Así, tanto homes como mulleres das categorías xuvenil, sénior e veterán e das modalidades de K1, K2, e C1 tomarán a saída, ás 16:30 horas, desde o Concello de Rábade para remar 17 quilómetros ata a meta, instalada no Club Fluvial. Pola súa banda, os cadetes de todas as categorías percorrerán oito quilómetros con saída ás 17.30 horas desde Outeiro de Rei, concello no que ademais estará instalada unha meta volante para o circuíto de 17 quilómetros.
A presentación da proba tivo lugar esta mañá no Fluvial de Lugo, nun día destacado, como dixo o presidente do club Tito Valledor, “polas dúas medallas de ouro conseguidas polo padexeiro do Fluvial Cristián Toro na Copa do Mundo e que amosa o bo momento que vive o piragüismo non só na nosa comunidade senón na provincia de Lugo”. Valledor agradeceu de forma especial “o compromiso incuestionable da Deputación de Lugo con este deporte, co piragüismo lucense e tamén coa axuda prestada ao Club Fluvial para conseguir que Toro seguise nas filas deste club e representando a Lugo a pesar das moitas ofertas que recibiu”.
Como é habitual, haberá unha importante representación da provincia de Lugo, cos clubs Cidade de Lugo, Altruán de Ribadeo, CD San Ciprián, Club de Piragüismo Viveiro e o Club Fluvial de Lugo, que exerce de anfitrión nesta proba.