Máis de 650 persoas participaron nas primeiras actividades fluviais e gratuítas que o Goberno da Deputación leva ao interior da provincia. Así o informou o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, que avanzou que “esta cifra correspóndese coa participación das actividades que levamos aos primeiros 5 Concellos dentro desta programación fluvial, que está incluída dentro do Plan Estratéxico de Turismo, cumprindo deste xeito cunha das súas liñas de actuación do mesmo, que é a posta en valor dos recursos e zonas fluviais lucenses para promover o sector turístico”.
Rivera Capón explicou que do total de participantes, 72 foron en Ribeira de Piquín; 212 en Navia de Suarna; 96 en Vilalba, 48 en Negueira de Muñiz, e 223 en Ribas de Sil. Neste senso, o Deputado remarcou que “trátase dunha actividade que esperta moito interese entre os veciños e os propios Concellos, que nos trasladaron a súa satisfacción por ofrecer este tipo de iniciativas que ademais de ser lúdicas, impulsan o turismo de cercanía e axudan a xerar riqueza”.
Rivera Capón, explicou que “con esta iniciativa buscamos reforzar no verán, cando temos a máis visitantes na nosa provincia, a oferta lúdica e deportiva no interior do conxunto da provincia, ofrecendo tanto no norte, centro como no sur lugués unha alternativa ao turismo de praia, e amosando as posibilidades de lecer tamén nos nosos ríos. Trátase de poñer en valor os recursos fluviais da nosa provincia para contribuír ao impulso do turismo”.
Actividades e seguridade
A programación de actividades deportivas fluviais, para todos os públicos, inclúe un total de 12 xornadas, que se desenvolverán en espazos naturais.
As actividades inclúen atraccións inchables, tobogáns, balancíns, pulpos, rocódromos acuáticos, pistas de obstáculos, kaiaks, waterballs… animacións musicais ou xogos populares.
Cada sesión, que terá unha duración de entre tres e catro horas, contará coa supervisión de, canto menos, un coordinador e entre seis e doce monitores, que se encargarán do coidado e atención dos participantes para garantir unha actividade divertida e segura. As persoas que non saiban nadar terán que ir acompañadas.
I Travesía do Caneiro
A derradeira das sesións, que terá lugar na capital luguesa, no entorno do Club Fluvial, será o 2 de setembro, coincidindo coa I Travesía do Caneiro, un evento deportivo de natación en augas abertas, que discorrerá nun circuíto paralelo ao caneiro e que, dependendo das categorías, desenvolverase en tres probas: unha travesía popular, non competitiva; unha travesía curta de 800 metros e unha longa de 1.500 metros.