Esta maña tivo lugar a Ruta cardiosaudable polo Río Rato, coa que se conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente. A ruta, que foi organizada polo Concello, a Deputación e a Federación Veciñal, contou coa participación da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández e a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, e nela participaron máis dun cento de persoas, ás que previamente se lles entregaron camisetas co lema No tempo de lecer camiña con nós!.
A ruta tivo unha extensión duns 4 quilómetros, que corresponden ao treito do cinto verde entre a Tolda e a Estrada da Fonsagrada. Durante esta actividade, que tivo unha duración aproximada duns 50 minutos, os participantes estiveron acompañados por monitores e distribuíronse augas para combatela deshidratación. Tamén participaron membros de Protección Civil para garantir a seguridade durante todo o evento.