Malasmadres e Paula Fraga, protagonistas na ‘I Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais’

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu hoxe a I Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais que organizou a Deputación de Lugo no marco da programación con motivo do 25N. Maite Egoscozabal, do Club Malasmadres, e Paula Fraga, xurista e declarada feminista en redes sociais, foron as protagonistas deste coloquio que se puido seguir de maneira presencial e tamén en directo a través das canles do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.

O Presidente da Deputación de Lugo e a Deputada de Muller e Igualdade foron os encargados de abrir e moderar este espazo de reflexión onde se puxo o foco na violencia machista e na violencia estrutural contra a muller. “Como parte da administración, esta institución quere reforzar o seu papel como axente activo á hora de impulsar os dereitos das mulleres. Temos unha función importante á hora de axudar a trasladar as reivindicacións do feminismo na esfera da administración local, sobre todo nos concellos rurais, de poboación dispersa ou alto grao de envellecemento, nos que as dificultades das mulleres por lograr a plena igualdade son maiores”, indicou o Presidente.

A Deputada de Muller e Igualdade foi firme e manifestou que a sociedade “non pode permitir máis asasinatos, nin que haxa situación de menosprezo e de desigualdade nos fogares, nos lugares de traballo ou nas rúas do noso país”. Lembrou a Deputada provincial que dende o 2003 en España foron asasinadas 1.117 mulleres, “mulleres con nomes e apelidos, coas súas propias historias, que se detiveron para sempre”.

Dende o 2019 en España rexistráronse 1.743.680 denuncias por violencia machista que se traduciron en 450.000 ordes de protección. “Son datos preocupantes, porque aquí en Galicia xa tivemos que volver saír á rúa para condenar un feminicidio cometido na Coruña”. “Non podemos deternos, non podemos permitirnos que morra unha muller máis, e tampouco podemos permitir situacións que vulneren os nosos dereitos”.

A Deputada de Muller recalcou un dos temas abordados no debate: os prexuízos de xénero. “Os estereotipos inventan unha supostas condicións de diferencias, e para os intolerantes, a diferenza sempre é unha invitación á violencia”. Foi firme ao dicir que as mulleres “non podemos aceptar que se nos marque como debemos actuar, non podemos transixir con modelos de igualdade baseados en argumentos tan baleiros como que sempre se fixo así ou que é o que a sociedade espera das mulleres”, explicou.

Outro dos temas nos que se fixo unha reflexión foi a conciliación familiar. “De nós espérase moito máis, nós temos que encargarnos de moitas máis responsabilidades no coidado dos fillos e no coidado do fogar”, manifestou a Deputada. Puxo tamén o foco nas situacións que se deron durante a pandemia en moitas casas do país onde “o coidado de maiores e enfermos, a atención dos nenos sen clase presencial, se entenderon de modo automático como cometidos femininos”.

As poñentes

Unha das poñentes foi Paula Fraga, xurista. É avogada especializada en dereito penal e de familia. A súa práctica xurídica está moi centrada na defensa dos dereitos das mulleres e a infancia. No mesmo sentido, desenvolveu a súa militancia política en diversas organizacións feministas. Forma parte da Alianza Contra el Borrado de las Mujeres e  foi premiada polo seu traballo en favor da abolición da prostitución e a súa colaboración en programas de reinserción de mulleres internas nas institucións penitenciarias.

Tamén participou a través de videoconferencia Maite Egoscozabal, socióloga do Club de Malasmadres e da asociación Yo No Renuncio. Publicou o informe Las Invisibles que reflicte como a maternidade converte en invisibles ás mulleres no ámbito laboral, persoal e social. O Club Malas Madres naceu nas redes sociais co obxectivo de  desmitificar o mito de “nai perfecta” e reivindicar un novo modelo de nai. Agora mesmo, xa son máis dun millón de nais conectadas entre si para visibilizar a necesidade de non perder a identidade propia como mulleres unha vez que se ten un fillo ou unha filla. O Club Malasmadres é ademais o altofalante de toda unha xeración para a loita común en favor da conciliación, pensando en que as mulleres nin queren nin deben renunciar á súa carreira profesional á vez que tampouco queren renunciar a ver como medran as súas crianzas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com