Mañá, venres, 18 de novembro, inauguraranse oficialmente as novas instalacións de Aspnais no edificio do antigo Hospital de San José.
Hai algo máis de dous anos que Aspnais ocupa o edificio -no que se efectuaron moi importantes obras de renovación interior e acondicionamento – cos seus usuarios e os talleres que viñan funcionando no edificio da Rampa de Claudio López e na nave de As Arieiras, pero por diversas razóns, a máis importante as limitacións por causa da pandemia, non foi posible facer a inauguración oficial da nova instalación que permitiu reunir todos os servizos da institución e aumentar en case un cincuenta por cento o número de usuarios e de traballadores.
Os actos comezarán ás 12:00 coa chegada do Presidente da Xunta, e o descubrimento, na entrada principal das instalacións, dunha placa conmemorativa do acto.
De seguido, as autoridades efectuarán unha visita ás diversas plantas do edificio, accedendo a Centro de día, Centro ocupacional,
Residencia de discapacidade e de maiores, apartamentos tutelados e taller de carpintería.
Rematada a visita, o Presidente da Xunta asinará no Libro de Honra no despacho do Presidente de Aspnais para, a continuación, no
exterior, xunto con usuarios, familiares, invitados e familia de Conchita Teijeiro, proceder ao descubrimento dun monumento na
honra desta destacada lucense, “alma mater” de Aspnais, polos excepcionais servizos e agarimo dedicados pola que é Presidenta
de Honra da Asociación.
Efectuará o descubrimento da estatua o usuario da entidade, familiarmente chamado “Cachu”, fillo da homenaxeada. Intervirán o
Presidente de Aspnais, José Reigosa; o escultor José Molares, autor da obra, e no nome da familia o tamén fillo de Conchita
Teijeiro, Bernardino Pardo Teijeiro, “Manu”.
O gaiteiro Marcos Foxo interpretará a “Muiñeira de Aspnais” (obra de seu pai, Xosé Luis Foxo, Director da Banda de Gaitas da
Deputación de Ourense), e a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia.