Mañá remata o prazo para anotarse nos campamentos de verán da Xunta

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou hoxe o campamento Deseña o teu futuro que se celebrará no Albergue Xuvenil Lug2 ao abeiro da Campaña de verán 2022 organizada polo Goberno galego. Alí, recordou que mañá, día 26, é o último día para poder anotarse nalgún dos campamentos que conforma a programación.
Cristina Pichel explicou que este albergue acollerá tres campamentos diferentes este ano.
Deseña o teu futuro, centrado na creación web será a novidade e terá dúas quendas, do 11 ao 18 de xullo e do 21 ao 28 de agosto. En cada unha destas quendas habilitaranse 20 prazas para rapazas e rapaces de entre 14 e 17 anos.
Máis polo miúdo, a directora xeral destacou esta proposta terá un amplo abanico de actividades, desde creación e edición de vídeo, realidade virtual, masterclass de creación de contidos web e app, podcast, ademais de outros máis tradicionais como por exemplo escalada, tiro con arco ou xeolocalización.
A campaña de verán deste ano da Xunta de Galicia é a maior da historia ao contar con máis de 10.800 prazas, tres mil máis que o ano pasado e mil máis que antes da pandemia. Neste sentido, apuntou que a través desta proposta póñense á disposición da xuventude actividades de ocio e aprendizaxe non formal e das familias un importante recurso de conciliación.
Campamentos inclusivos
Así mesmo, a oferta de campamentos de verán é inclusiva e aberta ás persoas con discapacidade, que poderán decidir se presentarse polo procedemento xeral ou a través das prazas reservadas. Coma en cada edición, haberá ademais a posibilidade de optar campamentos específicos para persoas con discapacidade de entre 11 e 50 anos.
A maiores destes campamentos dirixidos a mozas e mozos de entre 9 e 17 anos, a campaña de verán inclúe 45 campos de voluntariado dirixidos a maiores de idade ata os 30 anos, programas de intercambio bilateral con outras comunidades; minicampamentos ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos; e estancias en instalacións xuvenís para entidades ou asociacións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com