Todos os luns, percorre o corazón de Lugo unha manifestación de xubilados preocupados polo futuro das pensións. Véndoos, a min, que non son dado a manifestacións, que acudín a só dúas en toda a miña vida, dóeme non sumarme, pero considero que saír ás rúas todas as semanas ten o perigo de que desde o poder vexan estas manifestacións como quen ve chover.
É para preocuparse o clima que están creando arredor das pensións, cando ven de publicarse que o 55% dos galegos vivimos dunha pensión ou do desemprego, á vez que se coñecia a nova mensual de canto subiron as pensións en relación co mesmo mes do ano anterior, semellando que queren facer crer que as pensións son grave carga pública, sen entender que son só a amortización da débeda vitalicia que o Estado ten cos pensionistas.
O de sair todas as semanas desanima a moitos posibles participantes, que lles costa –nos costa- traballo pronunciarnos deste xeito en público, a menos que haxa un perigo inminente.
Sábese que os xubilados somos o colectivo máis numeroso e potencialmente máis influínte ou perigoso, no momento en que –se fose posible- todos nos puxésemos de acordo nunha determinada dirección.
Na miña opinión, posiblemente cómoda opinión, sair todas as semanas non só non produce froitos senon que pode caer na monotonía. Haberá que agardar o momento preciso no que teñamos que pronunciarnos e entón, si, todos a unha, saír á rúa, pacíficamente, masivamente, enchendo as cidades, facéndonos ver e escoitar, nunha mobilización total.
Daquela, deixarán de menospreciarnos e de xogar cos que pasamos toda a longa vida laboral cotizando relixiosamente.