MANIFESTO 8M
Un ano mais, con motivo do 8M, Día da Muller, desde a Asociación Si, hai saída desexamos expresar os nosos desexos de que esta data chegue a ser un motivo real de celebración por ter acadado esa igualdade real entre homes e mulleres, na que tanto nos din que se avanzou, pero que, lamentablemente, baixo o noso punto de vista, non soamente non é así, se non que, en certos eidos, estamos a experimentar un claro retroceso.
Non se trata tan só de discriminación por razón de sexo, que segue a converternos as mulleres en cidadáns de segunda, nin de fenda salarial, nin do tan nomeado teito de cristal que nos dificulta ou mesmo nos impide acceder a determinados postos de traballo, sobre todo se estes son de responsabilidade, ou dos atrancos para conciliar, que ás veces se tornan imposibles de sortear, por mencionar tan so algúns exemplos, se non dunha sociedade que normaliza situacións, comportamentos, ou actitudes que críamos superadas, pero que seguen a estar moi presentes, de feito cada vez mais, e que podemos atopar no noso día a día, como poden ser determinados programas de Tv. que tratan ás mulleres coma auténticos obxectos e nos amosan como referentes feministas a outras que, por desgraza, están nas Antípodas do auténtico feminismo, sen ter en conta para nada o dano que isto ocasiona, sobre todo entre a mocidade, e atendendo soamente a acadar audiencia e a facer caixa, algo que este ano se está a facer presente de maneira especial, nunha auténtica vórtice de “realities”, docuseries, etc, etc, que nos presentan como auténticas iconas feministas a mulleres que, e con todo o respecto o dicimos, serian moi boas enriba dos escenarios ou diante das cámaras e cun discurso pretendidamente defensor dos dereitos das mulleres, pero que en ningún casolevaban nin levan á práctica na súa esfera mais privada, sendo a antítese do verdadeiro feminismo.
Obviamente, non podemos deixar de condenar do xeito mais enérxico e contundente a máxima expresión desta desigualdade, a violencia machista, que tantas e tantas vidas de mulleres, de nenas e nenos está a segar do xeito mais brutal, acadando cada vez unhas cotas mais e mais elevadas, ao mesmo tempo que, nun brutal e tráxico paradoxo, está cada vez mais normalizada e instalada na nosa sociedade, unha sociedade que cada vez lle presta menos atención, a menos que sexa para sacar rendemento dela, de tal xeito que para moitos está a ser unha fonte de lucrativos ingresos, disfrazada case sempre, eso si, de altruísmo.
Igualmente condenamos a utilización política que se está a facer desta letal lacra, algo isto que este ano, cunhas eleccións á porta, se está a evidenciar dun xeito indecente, comerciando coa dor, ignorando a auténtica raíz de tan grave pandemia, porque a violencia machista, guste ou non admitilo, constitúe xa, desde hai moito tempo, unha auténtica pandemia, na procura de votos, e, segundo os casos, de acadar ou manter o poder.
Non podemos nin queremos, ademais, deixar de manifestar a nosa preocupación e o noso cada vez maior temor ante a un Ministerio de Igualdade dirixido por quen semella estar mais preocupada pola súa proxección mediática, por lapidar miles e mais miles de euros en accións ilóxicas na súa maioría e totalmente inútiles en tanto non se atalle a orixe do problema, e queestá a deixar a tantas mulleres, vítimas da violencia machista, aos seus fillos e fillas, aos pes dos cabalos, cunha desprotección cada vez maior, e demostrando que, nin coñecen a realidade da violencia de xénero, nin teñen o menor interese en facelo, vivindo na súa burbulla de poder e deixando, cos seus continuos despropósitos, tráxicas mostras da nefasta xestión que delestán a facer.
Así mesmo, queremos amosar, unha vez mais, o noso profundo respecto polo auténtico feminismo, e o noso inmenso agradecemento e admiración por todas esas mulleres que, antes que nos, tanto loitaron para abrirnos camiño e acadar eses dereitos dos que hoxe gozamos, e o noso enérxico rexeitamento ante ese “pseudofeminismo” radical, excluínte e prepotente, que non soamente nos presenta aos homes como aos inimigos, como a maltratadores en potencia polo feito de ser homes, se non que maltrata a canta muller non comunga coas súas “doutrinas”, faltándolles ao respecto, chegando en ocasións mesmo ao insulto e outorgándose o dereito a decidir quen é ou non feminista cando elas son a viva manifestación do machismo mais rancio e radical.
O auténtico feminismo é o que se practica todos e cada un dos días do ano, non soamente dous días del, e de xeito coherente, facendo real esa suposta mensaxe de igualdade que tanto reivindican, pero que se contradí totalmente coas súas actitudes discriminatorias, excluíntes e mesmo vexatorias con canta muller ousa manifestar o seu desacordo con elas.
En Si,hai saída sempre avogamos, e así seguiremos a facelo, pola auténtica igualdade, pola que recoñece que homes e mulleres temos os mesmos dereitos e as mesmas
obrigas, e temos moi claro que nunca defenderemos ningunha postura que identifique esta, a de verdade, cunha loita de sexos. Para rematar, nunhas datas nas que se nos está a amosar como exemplo a moitas mulleres triunfadoras nos seus respectivos eidos profesionais, nos que chegaron a ser auténticas líder, cunha gran proxección, e de cuxos méritos e esforzo non dubidamos, e, por suposto, respectamos, pero aos que tampouco temos dúbida de que dificilmente terían chegado de non contar cun apoio económico, familiar, con facilidades para acceder a uns estudos, ou mesmo por proceder xa de sagas familiares que lles abriron camiño, queremos manifestar a nosa mais sincera homenaxe, o noso recoñecemento e a nosa admiración por tantas e tantas mulleres anónimas, auténticas superviventes, que, sen apoio ningún, sen mais recursos que a súa vontade, o seu esforzo, loitan cada día por saír adiante, por que aos seus fillos e fillas non lles falte de nada, deixando de lado, en moitos casos, a súa dor, o seu medo, e sen que ninguén, nin elas mesmas, recoñezan a súa auténtica valía, que é inmensa.
Asociación Si, hai saída