Manifesto Concentración Carril das Flores

Hoxe luns, representantes do Foro do Camiño Primitivo xunto coa cidadanía de Lugo,
queremos amosar o noso rexeitamento ás obras que se están a desenvolver na nosa
fronte, froito da especulación urbanística e que supoñen un grave impacto irreversíbel
a dous dos Patrimonios da Humanidade que temos na cidade de Lugo, o Camiño
Primitivo e a Muralla.
O Carril das Flores na confluencia coa Ronda da Muralla é un lugar de sumo valor
histórico e arquitectónico para a cidade, punto de entrada a Lugo do Camiño Primitivo.
A Porta de San Pedro é unha das antigas portas de orixe romana que comunicaban a
cidade co resto do imperio. Desde finais da Idade Media, nesta zona extramuros
consolidouse un barrio con actividade comercial e hosteleira, con mesóns, tabernas e
casas de postas.
As edificacións preexistentes na mazá xunto coas últimas derrubadas, que a
propiedade permitiu que se convertesen en ruína coa permisividade de Patrimonio da
Xunta e do Concello de Lugo, formaban un conxunto típico das arquitecturas
tradicionais dos séculos XVIII e XIX. Eran casas de baixo e dúas ou baixo e tres
plantas, que convivían en harmonía coa Muralla e co Camiño Primitivo.
E que é o que supón o planeamento urbanístico aprobado polo Concello?
-A ordenación do Concello para esta zona non é nada respectuosa coa Muralla e o
Camiño Primitivo, estragándose a esencia deste espazo e o seu valor histórico e
cultural, de xeito que o Concello de Lugo e Patrimonio da Xunta non están a
protexer os citados bens, ao que están obrigados por lei e por ter sido declarados
Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
-Os edificios previstos superarían notablemente a altura da Muralla, afogándoa e
empequenecéndoa -en detrimento do valor universal excepcional desta-,
minguando a súa percepción desde a rúa San Roque e suprimindo a visión de Os
Ancares, mencionada na declaración do conxunto histórico de Lugo de 1973.
-Suporía o triunfo do interese privado da promotora (Hipólito S.L.) sobre o interese
colectivo da cidadanía de Lugo.
-Alcanzaríase unha altura de seis plantas nas frontes á rúa San Roque e ao Camiño
Primitivo, maior que a permitida polo PEPRI noutras edificacións que arrodean a
Muralla.
-Anteporíase o tráfico rodado no Camiño Primitivo ao respecto e posta en valor do
mesmo, converténdoo nun novo carril para o acceso de vehículos aos garaxes dos
futuros edificios e ao aparcadoiro do supermercado existente ao seu carón,
aumentando a intensidade do tráfico e dificultando o uso peonil tradicional como
vía de peregrinación.
-Desvirtuaríase esta vía histórica á súa chegada á Muralla, quedando flanqueada
por dous muros e aumentaría a pendente do Carril das Flores ou Camiño Primitivo,
dificultando camiñar por el e xerando riscos de accidentes.
Que solicitamos?
– A implicación dos grupos políticos municipais (PSOE, BNG, PP e Ciudadanos), para
atopar unha solución alternativa á desorbitada edificabilidade aprobada.
– Que o Concello e a Xunta asuman a súa responsabilidade como guardiáns de bens
patrimoniais universais.
– Que sendo o patrimonio un recurso importante para Lugo, se entenda que hai que
protexelo e transmitilo ás vindeiras xeracións.
 Que se paralicen as obras de urbanización, por consolidar cambios de aliñacións e
rasantes no Camiño Primitivo, difíciles de reverter.
 Que se redacte un novo proxecto, desde o interese xeral, que poña en valor a
confluencia do Camiño coa Muralla Romana.
– Que se inclúa a substitución da plataforma construida sobre o Camiño Primitivo, por
unha alternativa respectuosa co mesmo. A plataforma, pasadizo inmundo e
inseguro, priva ademais aos peregrinos da visión da Muralla e xa fora calificada de
‘Decisión técnica nefasta’, na ‘Guía de Estudos da Paisaxe Urbana’ da Xunta (páx.
340).
– Que se incorporen no proxecto espazos ou zonas verdes públicas, acordes coa
significación deste lugar.
É por iso que ata que o Concello responda aos nosos requirimentos seguiremos
concentrándonos cada luns ás 20h neste mesmo lugar e convidamos a todas as
persoas que nos axuden a paralizar estas obras.
NON A OUTRO GARAÑÓN NA MURALLA
CANTO MÁIS LLE VAI A CUSTAR Á VECIÑANZA AS DECISIÓNS POLÍTICAS DESEÑADAS
POR INTERESES PRIVADOS.

Outro Garañón na muralla?

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com