Manifesto Concentración Plataforma Ulloa Viva

A Xunta de Galicia ven de publicar a Declaración de impacto Ambiental do proxecto de Altri- Greenalia en Palas de Rei. O primeiro paso para permitir a súa instalación.

A nova que acabamos de recibir, non por esperada deixa de ser triste. Todo acceso á información demandado até o de agora e a pouca transparencia no procedemento, facíanos esperar que a autorización da Declaración de Impacto Ambiental chegaría.
Este DIA anticipa as futuras resolucións de Autorización Ambiental Integrada e da propia aprobación do Proxecto Industrial Estratéxico, nunha secuencia sucesiva de decisións político-administrativas que non teñen máis finalidade que amparar a execución dunha industria contaminante no ambiental e de forte impacto negativo a nivel territorial,
patrimonial, socio-económico e para a saúde das persoas.

O proxecto terá licencia administrativa, pero non social. A sociedade galega rexeita con contundencia esta resolución, dende o 2022 o Goberno de Feijóo xa fixo toda unha declaración de intencións iniciando a declaración de Proxecto
Industrial Estratéxico.
Co paso dos meses acudimos a unha ocultación premeditada no cambiazo feito pola Xunta de Galicia para favorecer a Altri tendo como obxectivo eliminar calquera figura ou estratexia
de preservación ambiental.
Como vedes, a Xunta estivo a xogar a favor da súa aprobación durante todo o proceso, ocultando informes para a poboación mentres os filtraba nalgúns medios de comunicación e sen escoitar as nosas demandas nin despois da demostración da historica manifestación de decembro en Compostela.
Acusáronnos de estar politizados, porque non queren asumir o diálogo directo e escoitar que a veciñanza nos negamos a que esta celulosa se instale nas nosas comarcas.

Dixeron que nos opoñíamos sistemáticamente a proxectos industriais en Galicia, e ao que nos opoñemos é a que unha industria acabe coas nosas comarcas, que deixe aire, auga e terra queimados poñendo en risco a saúde das nosas fillas, e que polo beneficio económico a curto plazo se vexa ameazado o futuro de centos de familias das comarcas do interior e da ría.
Consideramos un lamentable exemplo da falta de respecto coa poboación, que a administración aproveitara calquer ocasión para vender o proxecto GAMA deixando de ser garante da imparcialidade que debería caracterizar un goberno que coida os intereses da poboación e non os dunha empresa.
Denunciamos que o que aconteceu a nivel administrativo é inadmisible, e que as normas foron axeitándose ao proxecto garantindo que saira adiante a toda costa. No caso de Altri non son os proxectos os que deben axustarse ás normativas ou estratexias, senón xusto ao contrario. Múdanse as leis ou plans para axustalos aos intereses de Altri.
Non cederemos diante desta agresión.

O día 22 ás 12:00 na Pobra do Caramiñal volveremos repetir a mensaxe clara e rotunda
ALTRI NON, MINA NON!
Non estamos dispostas a permitir que un proxecto para o que as veciñas non somos importantes se asente no noso territorio e veña arrebatarnos a vida, a saúde e a nosa forma de vida .
Exercitaremos todas as medidas administrativas e xudiciais en contra das resolucións que autoricen o proxecto Altri.

Domingo 16 de marzo.

Eternamente, Altri Non!

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com