Manuel Carballeira Rivas, coa obra titulada “Cara adiante”, resultou gañador do XXXI Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán, convocado polo centro cultural do mesmo nome no marco das actividades do Nadal en Begonte. Tamén obtiveron mención de honra Santiago Lago, co cadro “Llegando a la ciudad”, e Eduardo Pérez, con “Burgo epicromático”. A exposición coas 18 obras presentadas permanece aberta na Delegación Territorial ata final de mes.
O fallo do certame foi dado a coñecer esta mañá polo xurado, que estivo composto polo delegado territorial de Lugo, Javier Arias, os pintores Manuel Gulín e Gonzalo Sánchez “Zalo”; a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; a responsable de Cultura da Delegación Territorial, María José Rodríguez, e Xulio Xiz en representación da entidade organizadora.