O mozo lucense Manuel Iglesias Soilán, excoordinador do proxecto europeo Mind the mind – combatendo os estigmas dos trastornos mentais, formará parte da mesa redonda sobre saúde mental na xuventude que o Concello de Lugo organiza para este xoves, 18 de outubro, ás 19 horas no Vello Cárcere.
Unha mesa redonda organizada co gallo do Día Mundial da Saúde Mental que tivo lugar o pasado 10 de outubro e que este no se lle dedica á xuventude baixo o lema “Educación inclusiva, saúde mental positiva”, en referencia á falta de información entre a mocidade e os estigmas que trae consigo a saúde mental.
Manuel Iglesias, que centrou os seus estudos con fin de traballar en relación ás intelixencias múltiples na infancia, estará acompañado da psiquiatra da área iinfanto-xuvenil do HUla, Yolanda Carballeira; a psiquiatra na Unidade de Drogodependencias de Cruz Vermella, Gabriela Klepsh; e o presidente da asociación da Saúde Mental de Lugo, Manuel Fernández, entre outros.
No encontro debatirase a saúde mental dos máis novos nun mundo onde se loita constantemente contra os efectos xerados polas violancións dos dereitos humanos e a violencia no fogar ou as escolas, marcado polas novas tecnoloxías. e cun mundo laboral cheo de obstáculos.
Segundo explican numerosos psicólogos e psiquiatras, todas estas novas variantes traen consigo numerosos problemas xerados da impotencia, a incertidume e a frustración que, nun gran número de casos acaba con mozos que presentan cadros de sintomatoloxía depresiva, e, incluso, en certo porcentaxe, rematan en abuso de sustancias e suicidios.
Todos estes temas se tratarán o vindeiro xoves na mesa redonda, no Vello Cárcere, nunhas dúas horas de sesión.