Manuel Iglesias: “cada persoa é unha mestura de todas as súas intelixencias”

Lucense e estudante de psicoloxía, Manuel Iglesias converteuse este domingo no relator máis novo da segunda xornada TEDx RúaSanFroilán celebrada en Lugo. Con 20 anos, ten claro que quere dedicar a súa vida a traballar a aprendizaxe e a intelixencia con nenos. Quere ser psicólogo educativo e basea os seus traballos na Teoría de Intelixencias Múltiples de Gardner. Manuel Iglesias busca un cambio de 180 graos na educación, centrándose en desbotar todas as teorías do Coeficiente Intelectual.

Xornal de Lugo: Que supuxo para ti ser poñente nestas xornadas internacionais?

Manuel Iglesias: Foi para min unha honra, encantoume. Levo intentando entrar nas TED Youth, para menores de 25 anos, para min é algo incrible. Estou na facultade de psicoloxía e hai temas que estudamos con relatores das propias TED e era como ese soño que algún día tes que conseguir. Eu intentaba e intentaba e nunca o conseguía pero parece que cando o deixas de intentar, resulta que te chaman.

XdL: Alí estiveches con xente de moito renome, e sóense xerar sinerxias e contactos, que quitache ti das charlas?

M.I.: Primeiro aprendín un montón de todos os profesionais, había xente de renome e iso supoñíame un pouco de tensión, de se estaría á altura. Pero alégrome moito, houbo un dos relatores que foi profesor meu cando estaba eu en primaria e alegroume moito ver que seguía traballando con aquela paixón e que agora eu podo dicir: “avancei e estou con eles”, estou intentando pórme á súa par. Coñecín a xente coa que espero, nun futuro, poida traballar e facer algo.

XdL: Apaixónate a ensinanza e a aprendizaxe, e baseas os teus estudos nas intelixencias múltiples. Hai tantas intelixencias como persoas?

M.I.: Dende Gardner e a súa Teoría das Intelixencias Múltiples, trabállase agora na décima intelixencia. Pero ao final non es dun tipo ou doutro, es unha mestura de todo nos teus diferentes niveis. Así que si, atreveríame a dicir que cada persoa ten un perfil diferente. Non é algo tan determinista como o Coeficiente Intelectual (CI) que pode haber millóns de persoas que teñan 119 ou 88 ou o que sexa. É algo máis complexo e que diferencia un pouco máis o que son as persoas.

XdL: Falabas do CI porque moitas veces se relaciona a intelixencia co CI, pero ti apoias a teoría das Intelixencias Múltiples. Calquera, aínda que teña un CI baixo, podería acadar unha formación de alto nivel?

M.I.:  Si, sen dúbida. Aplicándoo a Gardner o CI é, sobre todo, a parte matemática e lingüística. Pódeseche dar mal iso, pero ao mellor nas artes destacas moitísimo, es un gran escultor ou un gran deportista. Seguramente todos coñecemos a alguén que no colexio foi tachado de tonto pero xogando á pelota, no recreo, era o mellor; e por que non podería ser o mellor niso?

Precisamente hoxe lin, para aplicar un traballo que vou presentar nun congreso, que se viu, que o único que pode predicir o CI, son os resultados académicos. É dicir un CI baixo vai predicir un mal resultado académico na túa vida escolar pero non quere dicir que non vaias cumprir os teus soños, que non vaias ser feliz ou que non vaias destacar en algo. Iso é o que se nos mete una cabeza e que, por sorte, a ciencia estanos a demostrar que é erróneo.

XdL: Logo, habería que cambiar a forma de ensinar?

M.I.: Sen dúbida, eu creo que é iso. Tes a 30 nenos na clase, con 30 formas de pensar diferentes e pos a todos a facer matemáticas, comentarios de textos, sintaxes… E por que non explotas a súa parte artística? Está demostrado que as artes, como che dan un punto de vista diferente axúdanche a resolver, por exemplo, problemas matemáticos. Se vemos como avanzan nos cursos, quítannos a educación física, por que deixan de explotar o potencial físico que chamaría Gardner, corporal sinestésico? Por que quitan música? Todo o mundo ten o recordo de tocar a frauta doce na clase, pero hai un momento que cho quitan. Por que? Por que isto é inútil? Ou de nenos? Pois non, igual tes aí ao mellor violinista, ou ao mellor frautista.

Eu creo que a educación necesita un cambio de 180 grados.

XdL: Hoxe en día é necesario ter notas altas para destacar, é unha realidade. Sería necesario traballar para que cada un teña o seu obxectivo enfocado en base á súa intelixencia?

M.I.:  Obviamente, é necesario en idades temperas dar información de todo. Non vas descubrir se é bo alguén se non lle fas probar un pouco de todo. Pero considero que dunha maneira máis tempera e pouco a pouco haille que dar a opción de ir especializándose ou, polo menos, non cortarlle as opcións.

É dicir, se un neno só ía a clase porque lle motivaba as asignaturas de plástica e música, e quítasllas en segundo ou terceiro de ESO, vai empezar a sacar peores notas e vaise desmotivar. Ao mellor o único que o motivaba a seguir en matemáticas era que despois tiña música.

Un dos relatores do outro día contoume que el por CI tiña altas capacidades pero nos seus resultados académicos, arrastraba 3 ou 4 materias sempre. Porque se desmotivaba, a el o que lle gustaba era orar, falar, comentar cousas, debater…pero poñíano a facer matemáticas e  desmotivabase.

XdL: E falando de obxectivos, de futuro… Ti acabas a carreira o vindeiro ano, que farás despois?

M.I.:  A min gustaríame ser psicólogo educativo, que, xa de paso, quero dicir que somos un dos poucos países que non recoñece esta figura. Así que o máis probable, por como están as leis e que non nos estamos interesando dende o Estado como institución na educación nin na psicoloxía, posiblemente o meu futuro está fóra de España, porque aquí non me dan opción de desenrolarme en algo que creo necesario.

Eu quero ser psicólogo educativo, que basicamente é traballar na aprendizaxe e a intelixencia, axudar na educación e no desenrolo dos nenos, que son o futuro e estámolo cargando un pouco.

 XdL: A educación ten que avanzar…

M.I.:  E que, é necesario saberse todos os libros de pe a pa? Ao mellor fai 100 anos cando a información era limitada e tiñas que ter a enciclopedia ou o libro x, igual si. Pero agora mesmo, temos teléfonos que me podes facer a pregunta que queiras que, de non saber a resposta, tecleando en 30 segundos téñoa.

É máis interesante desenvolver a parte emocional dun neno que si a necesita traballar e é moi complicada. En 2020 agardase que a maior causa de baixa laboral sexa a depresión e iso non o estamos a traballar cos nenos. Non lles estamos ensinando a ser intelixentes emocionalmente, ou facendo deporte, ou na nosa propia nutrición… Agora é fundamental ensinar aos nenos a traballar dunha forma máis creativa.

A información agora xa a teñen. Hai un montón de colexios que xa contan cun ordenador por neno, que poden obter a información que teñan.

É o de sempre, os países do norte, Noruega ou Islandia, cárganse as asignaturas, todo é transversal, por que? Porque eles estanse dando conta de que a educación é importante e nós, parece que miramos cara outro lado.

Foto: Carmen Porteiro.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com