O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, realizou un chequeo da zona rural de Lugo e certificou as “chapuzas” dos socialistas nas parroquias do municipio, ás que teñen totalmente “no esquecemento”. Manuel López pon de manifesto situacións “esperpénticas” como a que se vive coas escolas das parroquias do rural. O popular pon de exemplo os edificios inacabados de Labio ou Cabanas, nos que se realizou un investimento de medio millón de euros e son, na actualidade, “no caso de Labio catro paredes sen tellado que no valen para nada e no caso de Cabanas a escola permanece inacabada, pechada e deteriorándose por falta de uso”.
O concelleiro popular tamén denuncia a desidia dos socialistas no que se refire á aprobación do 5% restante do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Segundo Manuel López “un veciño calquera” dos 160 núcleos de poboación do rural do Concello de Lugo “non pode construír ou non poden facer unha vivenda” mentres que o equipo de goberno “non desbloquee” o 5% pendente do PXOM.
As comunicacións coas parroquias seguen a ser outro dos cabalos de batalla dos habitantes do rural. Ás estradas e pistas “totalmente estragadas” por unha “falta total de mantemento” hai que engadir que a alcaldesa e o seu equipo quere suprimir, na reorganización do transporte, algunhas liñas de autobús urbano ao rural. O concelleiro popular afirma que “que as pistas son intransitables é unha realidade” e son moitos os veciños afectados por este problema e agora, ademais, “queren eliminar as liñas de autobús para dificultar máis a mobilidade”.
O esquecemento dos socialistas coas parroquias da zona rural dá, en ocasións, pé a riscos medioambientais innecesarios. O popular refírese aos puntos de recollida de plásticos de silos, un proxecto socialista “fracasado”, xa que agora estes recintos reconvertéronse en vertedoiros incontrolados pola falta de control do equipo de goberno. Manuel López asegura que non se preocupan polo estados deste puntos habilitados no seu día para o depósito de plásticos de silos onde agora “se acumulan neveiras, lavadoras, televisores, colchóns, rodas… toda clase de elementos prexudiciais para o medio ambiente”.