Manuel Martínez como presidente de SUPLUSA, os técnicos desta sociedade e os da empresa adxudicataria, visitaron as obras que se están a levar a cabo na cuberta do antigo obradoiro de Manuel Mallo de Begonte.
Segundo o tamén Alcalde de Becerreá,”antes de iniciarse os traballos, esta instalación presentaba un estado de deterioro bastante relevante. Isto debeuse a que as obras non foron axilizadas polos presidentes anteriores durante os últimos anos, deixando de lado estas naves nas que o Concello tiña previsto a recuperación dun antigo proxecto para abrir unha escola de cantería”
Esta escola foi onde o escultor Manuel Mallo traballou durante anos, realizando pezas para distintas obras, entre as que destacan as realizadas para a Sagrada Familia, a emblemática obra de Gaudí na capital catalá.
O Deputado declarou que “considero que SUPLUSA tiña que acometer esta obra, xa que a súa reparación permitirá que o Concello lle dea a utilidade que busca e con elo crear novos empregos relacionados coa cantería”.
A obra conta cun orzamento de 131.498 euros+ ive e foi adxudicada no ano 2015.