O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a deputada desta formación, Paula Vázquez Verao, mantiveron unha reunión coa xunta de persoal do Hospital de Monforte para coñecer a situación deste centro sanitario tanto desde o punto de vista da atención sanitaria como da situación dos traballadores.
Os integrantes da xunta de persoal explicaron que a situación da dotación de persoal era precaria posto que faltaban facultativos en especialidades como cardioloxía e outros servizos especialistas que non se cubrían e que tamén había problemas co persoal en distintas plantas. A falta de traballadores provoca numerosos problemas de atención segundo os profesionais, desvíos a outros centros e un empeoramento xeralizado da atención aos pacientes.
Entre outros asuntos graves, a falta de persoal provoca que profesionais que están destinados en quirófano sexan utilizados para atender a pacientes na planta de infecciosos, moi desaconsellado en calquer tipo de práctica hospitalaria polo risco que supón de infección para os pacientes sometidos a cirurxía.
Tamén sinalaron os profesionais do hospital comarcal que o material que se está utilizando (luvas, agullas, gasas…) son de pésima calidade e en moitas ocasións chegan a utilizar varios para que resulten útiles para o seu traballo.
Luís Villares e Paula Vázquez Verao explicaron que a situación de precariedade que padece o Hospital de Monforte se debe a unha “política de recortes que busca distanciar aos pacientes da atención médica”. Luís Villares sinalou que cando se fala de atención sanitaria “a distancia é un asunto de vida ou morte e o PP quere deixar á xente máis lonxe do sitio onde debe ser atendida”. Paula Vázquez Verao explicou que a situación do hospital “era inaceptable” e anunciou por parte de En Marea “a presentación dunha batería de iniciativas que reclamen outra forma de xestionar para o Hospital de Monforte”.
Manifestación en Santiago o 4 de febreiro
A Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Mariña fixo hoxe un chamamento á sociedade mariñá e ás traballadoras e traballadores da sanidade pública da comarca para participar masivamente na manifestación que terá lugar en Santiago de Compostela o domingo día 4 de febreiro e para o que poñen autobuses. Dende a Xunta de Persoal rexeitan “enerxicamente” pertencer a Área Sanitaria de Lugo, xa que iso significa centralizar os recursos sanitarios na capital e incrementar os desprazamentos da cidadanía cara Lugo. “A Mariña precisa ser un área propia con capacidade de decisión tal e como o é a Comarca do Ferrol”, sentenzan.