O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha iniciativa no Congreso para demandarlle ao Goberno que coopere na mellora da conservación dun monumento que denominou como “único”, Santa Eulalia de Bóveda , datada de entre os séculos III e IV, co programa 1,5% Cultural.
Fernán Vello que visitou en varias ocasións “esta xoia monumental única no estado e en Europa, tanto pola súa beleza arquitectónica, a súa armonía como pola rica pintura mural romana que decora as paredes con escenas de aves”, considera que precisa dunha maior proteción debido á afectación da humidade, “algo que se pode comprobar ao ver o avanzo do verdín no chan e nas paredes o que supón unha seria ameaza para a conservación dun monumento destas características”.
O deputado de En Marea explica na súa iniciativa parlamentar ao Goberno a relevancia deste monumento que en 1985 foi declarado Ben de Interese Cultural, e menciona brevemente as diversas teorías sobre a súa funcionalidade primixenia: templo pagano dedicado á deusa Cibeles ou a outros deuses, edificio romano dedicado á curación ou a baños posto que conta cunha piscina no centro flanqueada por columnas, edificio romano dedicado ao culto cristiano ou incluso apostas de investigadores en relación a unha función funeraria. “Sexa como for, o seu altísimo valor é indubidábel”.
Fernán Vello lamenta a súa proteción e tíldaa como deficiente. “As dúas fiestras da portada e a mesma porta composta dun arco considerado o máis antigo da península ibérica, permiten a filtración da auga da choiva, son elementos de permeabilidade”. Fernán Vello enfatiza que “existe un preocupante problema de humidade que non se abordou coa intensidade que se debería. Sabemos que hai elementos ou materiais que manexan expertos na materia que poderían mellorar o mantemento deste importante legado”.
En aras a procurar a correspondente colaboración financeira, Fernán Vello alude ao programa do 1,5% Cultural, en base ao cal se fixeron moitas actuacións de rehabilitación do patrimonio. Ademáis, resalta, para ser perceptor do 1,5% debe ser BIC, requisito que cumpre Santa Eulalia de Bóveda.