O deputado de En Marea por Lugo no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, e a deputada no Parlamento, Ánxeles Cuña, presentaron varias iniciativas rexistradas no Parlamento e no Congreso para evitar a decisión do Ministerio de Facenda de sacar a poxa pública os terreos nos que se atopa o xacemento de Pena Grande no municipio de Vilalba, un dos máis importantes de Galicia. Ambos ofreceron unha rolda de prensa en Lugo para denunciar esta decisión do Ministerio de Facenda que suporía “un atentado ao noso patrimonio arqueolóxico e histórico” como afirmou Miguel Anxo Fernán Vello.
No Congreso, o deputado rexistrou varias preguntas e unha proposición non de lei na que pide promover un convenio coa Xunta de Galicia ou co concello de Vilalba para a cesión gratuíta dos terreos para que se poña en valor o exercicio das súas competencias en materia de patrimonio cultural.
Ademais, En Marea esixe ao Ministerio na súa iniciativa que non saque a poxa pública estes terreos, bens ou superficies de valor histórico, cultural ou patrimonial, priorizando o diálogo cos gobernos autonómicos ou municipais para que poidan dispor destes bens e destinalos a un uso público cultural.
O deputado Fernán Vello tamén pregunta ao Ministerio por que decide poñelos a poxa. “É consciente o Goberno do gran valor histórico e patrimonial, que pertence á Idade de Ferro, un dos xacementos máis importantes do Paleolítico en Galicia, onde se atoparon numerosas pezas de valor?”. “Vivimos nun estado de abandono absoluto do patrimonio provocado por un grave problema de sensibilidade por parte da Xunta de Galicia” denunciou Fernán Vello.
A deputada de En Marea no Parlamento, Ánxeles Cuña pola súa banda destacou a enorme importancia do xacemento que ocupa unha parcela de máis de 3.500 hectáreas. Cuña urxiu a actuar con rapidez para paralizar a poxa que lembrou remata o vindeiro día 11 a presentación de ofertas. Lamentou a decisión do Ministerio que asegura indica unha total “falla de información, transparencia e coñecemento do que se pon en proceso de poxa desde a Administración pública”. “Chama poderosamente a atención este modo de proceder, do mesmo xeito que resulta rechamante que desde a delegación de Facenda de Lugo non se aporte información respecto diso ou que previamente non se realice unha visita ás parcelas ou terreos que se poñen en poxa” asegurou.
A deputada no Parlamento fixo un chamamento ademais a que a Xunta de Galicia cumpra a lexislación e que a administración autonómica ou municipal se faga cargo deste importante xacemento. Así mesmo, instou ao Goberno galego a declarar todo o conxunto arqueolóxico como Ben de Interese Cultura (BIC).
Insistiu na necesidade de que o Goberno galego inste ao Ministerio a ceder gratuitamente os terreos para poñelos en valor desde un punto de vista do patrimonio cultural e histórico. En último lugar, esixe á Xunta que comprobe se existen outros xacementos arqueolóxicos nesta mesma situación para evitar futuras destrucións.