As deputadas de En Marea, Luca Chao e Paula Vázquez Verao, e o deputado Francisco Casal, reuníronse esta mañá coas dúas familias refuxiadas que viven en le Sarria ás que se lles acabou xa o prazo do programa de atención a persoas refuxiadas para coñecer de primeira man a situación e tratar de buscar unha solución a súa situación actual.
Desde a Asociación galega Siria, a portavoz, Fadile Tibisay, denunciou a ineficacia do programa xa que os 18 meses de duración do mesmo “é totalmente insuficiente”, xa que como destacou se trata de persoas que non coñecen o idioma, veñen dunha cultura diferente e non coñecen a ninguén. Durante todo este tempo asegurou “non lles ofreceron ningún tipo de curso pese a que eles mesmos o solicitaron, e as clases para aprender o idioma que foron ofrecidas non eran profesionais sendo as mesmas organizacións non gobernamentais as que ofrecían este tipo de actividades de xeito voluntario pero sen a formación adecuada”.
Así, desde a asociación aseguran que as persoas refuxiadas non están a recibir o apoio preciso para lograr a súa inserción no prazo de 18 meses establecido.
A deputada de En Marea no Parlamento de Galicia, Luca Chao, pola súa banda, lembrou que o seu grupo ten denunciado “en repetidas ocasións o incumprimento por parte das distintas administracións dos compromisos de acollida”. Agora amosase ademais a ineficacia do programa que despois de 18 meses nos que se ocupan as distintas ONGDs destas persoas, “remata o programa e quedan a súa sorte ao non existir unha asunción de responsabilidade directa por parte da Xunta de Galicia nin do Ministerio”.
En Marea reclamou á Xunta de Galicia que mobilice recursos para atender a estas familias que vaia máis alá de simplemente poñer en contacto as familias refuxiadas coas ONGDs. Neste sentido a deputada de En Marea sinalou que o Goberno galego debería en primeiro lugar dar unha información clara e exacta sobre o número de solicitantes, persoas as que se lle denegou a axuda, en que concellos están, a súa situación e no momento do plan de acollida no que están xa que “estas dúas familias non van ser unha excepción”.
En segundo lugar, a Xunta debería mobilizar un plan de aloxamento público para asegurar vivenda xa que tal e como denuncian as propias organizacións teñen moitos problemas para atopar vivendas dispoñibles. “Non pode ser que a Xunta de Galicia teña vivenda pública baleira mentres hai xente en situacións de emerxencia” afirmou Luca Chao.
En terceiro lugar, En Marea solicita que se desenvolva un programa específico de emprego para persoas refuxiadas atendendo as súas especiais características. Dunha banda a cuestión idiomática xa que non poderán atopar traballo se non dominan o idioma pero tamén que teña en conta as dificultades que teñen para por exemplo acreditar os seus títulos xa que todos os seus documentos quedaron en Siria. “Non pode ser que as leis sexan insensibles ás circunstancias reais nas que se atopan estas persoas” denunciou.
En último lugar, En Marea propón o estudo dos posibles reasentamentos en núcleos rurais abandonados como se está a facer noutras partes do Estado español como Salamanca ou Valladolid.
Desde En Marea concluíron lembrando que o compromiso de acollemento do Estado español continúa sen se cumprir que incluían a 17.337 persoas e delas o pasado 26 de outubro cando pechou o prazo establecido so chegaran 1.279. “O compromiso segue e chegou a hora de pedir a todas as administracións implicadas que colaboren para dar unha resposta a esta dramática situación” concluíu Luca Chao.