O voceiro de En Marea Luís Villares mantivo esta tarde unha xuntanza en Monforte para avaliar as consecuencias da nova Lei de Saúde de Galicia para a área sanitaria, que previsiblemente desaparecerá trala aprobación do novo texto normativo. A reunión, na que estiveron presentes representantes da Xunta de persoal do Hospital de Monforte e mais da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, falaron sobre as actuacións a desenvolver para esixir a retirada da nova lei.
“Ademais de afastar a poboación dun dereito básico, a supresión de áreas sanitarias coma a de Monforte vai conlevar un deterior da Atención Primaria e tamén na atención sanitaria especializada nas comarcas galegas”, declarou Luís Villares ao remate da xuntanza, durante a que lle transmitiu a toda a comunidade sanitaria a oposición de En Marea á nova lei e o compromiso de traballar “nas institucións e tamén nas mobilizacións da rúa contra un texto elaborado de lombo a todo o persoal sanitario, a sindicatos e tamén a pacientes e usuarios”.
Ademais, o voceiro de En Marea amosouse convencido de que a Xunta modifica o mapa de áreas sanitarias como paso previo “a seguir aplicando máis recortes en medios humanos e materiais” e avanzar na privatización da sanidade pública.
Trala xuntanza, ás 20.30 horas Luís Villares e a deputada Paula Vázquez Verao participarán nun acto informativo sobre as consecuencias da modificación da Lei de Saúde que terá lugar na Casa de Cultura de Monforte.