María Victoria Moreno

Pasei o Día das Letras Galegas a varios miles de kilómetros de distancia, e ao mellor por estar tan lonxe apreciei mellor a querencia de algunhas persoas polo idioma galego.

Foi Alonso Montero quen creou a palabra “Alófonos” para identificar ás persoas non galegas que escribiron no noso idioma… xente de “aló lonxe”, conquistados polo idioma, por Galicia, polas xentes.

Coñecín varios destes seres especiais, comezando por Gerald Denley, ao que os de Valdoviño coñecían como “O inglés”, por veranear naquel pobo e escribir poemas en galego, leídos nun galego-inglés entrañable e sorprendente. Seguindo por Anne Marie Morris, que nos U.S.A. aprendeu galego con Rubia Barcia, e Rosalía conquistouna para a poesía.

Coñecín a Juan Pérez Creus, que hai case medio seculo escribía poemas en Sábado Gráfico, asinando como Pájaro Pinto, nacera en Jaén, pero cruzóuselle por diante unha galega e comezou a escribirlle poemas coma o que lembraba: “Parque del Oeste / lonxana Castela,/ ai xardíns, por onde / comigo leveina!”.

E non coñecín, especialmente por pura razón cronolóxica, ao máis sonoro dos alófonos, Federico García Lorca, que nos segue conmovendo cos seus poemas galegos, que tanto Blanco Amor coma o quirogués Ernesto Guerra da Cal, acreditaban que lle saíran dos mismísimos, froito das súas viaxes a Galicia.

Por iso, cando no 1993, Alonso Montero organizou en Santiago o primeiro -e único por agora-  Congreso de Alófonos, invitou a participar nel a María Victoria Moreno Márquez, por considerala quizais un exemplo meritorio desta característica, tendo en conta que se trata dunha extremeña, formada en Catalunya, integrada en Galicia, galega na expresión, na escrita, na vocación, na intelixencia. E foi naquel Congreso cando a distinguida este ano co Día das Letras Galegas, proclamou “Eu non son alófona, porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía…A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua, é simplemente unha historia de amor”.

A esta muller, a Real Academia Galega, honrouna co noso Día máis grande. Foi unha sorpresa para case todos e, xulgando con coñecemento de causa, un grande acto de xustiza.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com