María Xosé Porteiro presenta en Lugo o seu último libro, ‘#taméneu’

#taméneu, o novo libro da xornalista e escritora María Xosé Porteiro, será presentado este mércores, 17 de novembro, no Vello Cárcere de Lugo. O acto, que arrancará ás 20.00 horas, contará coa participación de membros da corporación municipal.

A publicación, editado pola luguesa LAR_libros, é unha escolma de 77 traballos xornalísticos de Porteiro, sobre o que ela mesma denomina “a revolución feminista”. A obra, a primeira dunha colección de opinión que está a  crear a editora, salienta na portada, coas cores identificativas do movemento feminista, unha imaxe en branco e negro do fotógrafo Víctor de las Heras, dunha manifestación nunha famosa praza viguesa no ano 1983.

Na presentación participará Carmen Díaz Simón, do Foro Feminista de Lugo, entidade que colabora na organización do acto, xunto coa prologuista do libro, Llerena Perozo, o representante da editorial, Manuel López, e a propia autora.

A respecto do papel das mulleres como columnistas de opinión afirma que é un dos xéneros xornalísticos que máis lle compracen, malia recoñecerse como “unha toda terreo, mais a opinión é un eido moi masculinizado nos medios impresos. Informes da asociación de Mulleres Xornalistas falan de que as columnas asinadas por mulleres están entre o 10 e o 15% de toda a opinión publicada. Daquela, considero necesario que voces autorizadas de mulleres ocupen estes espazos”.

María Xosé Porteiro lembra que pertence “á xeración que viviu en primeira persoa os finais da segunda onda do feminismo, toda a terceira, e desde 2012, a actual considerada xa a cuarta. Afirma que as viviu intensamente, como feminista e como xornalista.

“Desde aquela participei dun debate que entrou de cheo na axenda global mediante a reflexión e a análise. En #taméneu, versión galega da expresión dixital mundialmente famosa, Me too, abordo aspectos coma os feminicidios, a linguaxe sexista, as multidiscriminacións de colectivos coma as mulleres con síndrome de Asperger, a trata e tráfico de mulleres para a prostitución, ou o aumento da violencia sexual. Estou certa de que estamos a vivir unha revolución feminista -que non unha guerra- que mudará para ben a nosa civilización”, explica a autora.

Na súa longa traxectoria Porteiro recibiu senllos recoñecementos pola súa labor a prol do feminismo, en 2019, co premio 1º de maio de CCOO, e en 2020, co Ernestina Otero, da Comisión das mulleres do concello de Vigo. Desde 2017 dirixe o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura (CDIF-CCG) e nesta xeira participou en numerosos estudos e investigacións desde a súa comisión de Igualdade.

#taméneu xa está a venda na web www.libroslar.com.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com