O Concello de Lugo comeza a dar os primeiros nomes para as festas do San Froilán, tras as críticas dalgún partido da oposición que temía polo abandono do San Froilán por parte do goberno local. A Comisión de Festas acordou esta mañá, por unanimidade, que a pregoeira das patronais lucenses deste ano sexa a escritora María Pilar Campo, más coñecida por Marica Campo.
Así o deu a coñecer a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen tamén anunciou os concertos de dous dos días grandes. A cantautora Sés, será a encargada de amenizar a noitiña do día 8 de outubro, Domingo das Mozas; noutra banda o propio día de San Froilán, será a cantante e música Rosa Cedrón quen poña o son á noite lucense.
Asemade, a edil anunciou que, como novidade, este ano a festividade dos nenos e nenas amplíase e terá lugar dous días, o sábado 14 e domingo 15 de outubro, poñendo fin ás festas con entradas a 2 euros nos carruseis.
Sobre Marica Campo
Nada o 24 de febreiro de 1948 en Val do Mao, no Concello do Incio, Marica Campo realizou a carreira de maxisterio e estudou teoloxía ao tempo que ingresou no convento para ser misioneira. Lectora voraz dende a infancia e escritora dende cativa, Campo publicou unha obra teatral, poemas en revistas e as letras para o grupo musical Fuxan os ventos en moitos anos. A partires de aí, no 1992 publica o seu primeiro libro, Tras as portas do rostro, un recompilatorio de poemas. A continuación saca a luz Confusión e morte de María Balteira, Pedinche a luz prestada, Memoria para Xoana, Confusión de María Balteira, Abracadabras, Sextinario: Treinta e seis + tres, e unha adaptación de O Divino Sainete.