Mariña Patrimonio celebra a retirada da terra que cubre o xacemento de Xove

A asociación Mariña Patrimonio vén de congratularse da retirada de 13.000 metros cúbicos de terra que cubre un xacemento arqueolóxico circular no municipio de Xove, que foi licitada pola Dirección Xeral de Patrimonio e Cultura (DXPC).

Mariña Patrimonio descubrira esta estrutura circular de Lavandeira en 2015 e solicitara a súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos. Tras a inspeccion do lugar, o Servizo de Patrimonio redactou unha ficha normativizada do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da DXPC, quedando este lugar unicamente como “referencia”.

Cando a asociación descubriu este sitio arqueolóxico, a metade da estrutura circular fora xa sepultada polo corredor costeiro entre San Cibrao e Celeiro. Segundo denunciaban xa no seu momento, o estudo arqueolóxico
elaborado para a realización deste corredor non detectara o xacemento.

Trala comunicación destes feitos á Dirección Xeral de Patrimonio por Mariña Patrimonio, en 2017 a Xunta realiza catas que confirman a existencia dun xacemento arqueolóxico da Idade do Bronce. Agora o Executivo autonómico vén de licitar por 212.000 euros as obras para retirar a terra acumulada sobre este ben patrimonial.

A asociación Mariña Patrimonio considera que conseguir que se revirta esta agresión e que se restableza a estrutura arqueolóxica ao seu estado anterior” é, sen dúbida, unha moi boa noticia para o patrimonio e un triunfo para todas as persoas que intentan defendelo”. Mais tamén ve unha certa derrota ao comprobar a “reiterada incapacidade” institucional para artellar políticas eficaces de protección do patrimonio.

O feito de non ter detectado a estrutura circular de Lavandeira, “que era facilmente visible”, tanto nas fotografías aéreas coma sobre o terreo, proba que non se actúa todo o ben que se debería. “Ademais cómpre ter en conta que corrixir este erro vai custar 212.000€, que saen dos petos de todos”, sentenza a asociación. Mariña Patrimonio aproveita para chamar a atención sobre a información que aparece na ficha do inventario da estrutura circular, na que os técnicos da Conselleria de Cultura sosteñen que a “mesta vexetación que cobre a zona impide apreciar o grao de conservacion desta estrutura”.

Sorprende que a pesar da vexetación puideran ver o recinto circular, que ten “unha altura duns 80 a 90 cm” e, pola contra, non se decataran de que a estrutura circular de Lavandeira tiña a metade da súa superficie sepultada por un terraplén de mais 10m de alto.

Para Mariña Patrimonio é “preocupante” que os técnicos de Patrimonio de Lugo non apreciaran alteracións na estrutura circular, tal como recollen na ficha do inventario, e que non se decataran da gran acumulación de terra (13.000 metros cúbicos, segundo datos da Xunta), depositada sobre un xacemento arqueolóxico de tan só 50 metros de diámetro .

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com