A asemblea informativa celebrada onte no Centro Cívico de Xove reuniu a unha veciñanza moi preocupada pola pretensión do goberno da Xunta de eliminar a Área Sanitaria da Mariña, contribuindo así ao que a Plataforma Sanitaria desta comarca tilda de “desmantelamento da comarca máis dinámica da provincia, e xa moi menoscabada en infraestruturas e comunicacións”.
A Plataforma Sanitaria comezou a súa intervención relatando a “deriva” que dende a aprobación do Decreto das EOXI ven sufrindo a sanidade, “con incrementos nas derivacións cara a Lugo para probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas, moitas veces a hospitais privados”. Foi no ano 2013 cando se aprobaron por decreto estas estruturas de xestión integrada malia resposta cidadá masiva, que se manifestou en contra e coa promesa por parte da Xunta de que suporían un importante aforro para o sistema público. “Estamos ainda agardando polos datos obxectivos do aforro que supuxo a implantación das EOXI, porque ainda non foron que de poñelos enriba da mesa”, manifestaron.
Se as EOXI foron sinaladas coma un erro pola meirande parte dos profesionais do sistema público e vividas polos doentes con perdas paulatinas de servizos nos hospitais máis periféricos en beneficio dos hospitais de segundo nivel das capitais, a aprobación deste anteproxecto que eliminaría a área Sanitaria da Mariña viría a agravar e incrementar esta situación, facéndose efectivo o obxectivo de privatizar a sanidade xa legalizada trala recente aprobación da Lei de garantías sanitarias o pasado mes de setembro.
Viveiro critica as esperas
Doutra banda a plataforma Somos Unha Área Viveiro, fai de altofalante dalgúns dos veciños da localidade que denuncian a “política destrutiva” en materia de contratacións, no centro de saúde de Viveiro, “caracterizada pola non substitución das ausencias das profesionais”.
Para os veciños, esta situación pon de manifesto o deterioro na calidade asistencial que se presta aos cidadáns de Viveiro. “Teño dereito a unha atención digna e de calidade no meu Centro de Saúde, unha atención recortada polas políticas do Partido Popular”, afirma un dos afectados á plataforma.
Este mesmo afectado denuncia que solicitou consulta para o seu médico de familia, pero ao atoparse de vacacións e non poñer substituto, déronlle dúas opcións: agardar unha semana para acudir a consulta ou acudir por urxencias. “Despois a Xunta di que facemos un mal uso das Urxencias, cando son os seus recortes na Atención Primaria os que nos obrigan a saturar os servizos de urxencias”, sinala o afectado.
Farto dos recortes que provocan masificación de consultas, cupos profesionais por enriba do establecido, redución de profesionais, non substitucións e longas listas de espera, decide presentar unha reclamación oficial esixindo un dereito básico: o dereito a unha sanidade pública de calidade en Viveiro, anima á veciñanza a non calar e presentar reclamacións oficiais.