Marisol Bravos López, ven de obter o primeiro premio José Castiñeira de humanidades, convocado polo Orfeón Lucense en memoria do seu fundador, en colaboración coa Diocese de Lugo,a Catedral lucense e a Familia Castiñeira.
O premio, instituído para honrar a persoas ou institucións que se distingan polo seu labor humanístico, a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, foi concedido por unanimidade dos compoñentes do xurado despois de estudar as trece candidaturas propostas por institucións e particulares.
O galardón concédese a Marisol Bravos polo labor de toda unha vida a prol das persoas con diversidade funcional, da superación de todo tipo de barreiras físicas ou sociais, dando exemplo permanente de integración e abrindo camiños que centos de persoas poden percorrer libremente nun mundo máis grande e máis humano.
O premio, consistente nunha placa, será entregado no claustro da Catedral de Lugo o próximo domingo, 27 de outubro, inmediatamente despois da celebración (às 13,00 h.) do cabodano do P. Castiñeira, e antes da ofrenda que tradicionalmente se celebra diante da súa tumba.