Marta Marcos e Mariano Chóliz impartirán unha charla sobre adiccións tecnolóxicas na mocidade

Ao redor do 90% da mocidade de entre 14 e 16 anos ten acceso a entre 2 e 5 dispositivos dixitais, o 86% recoñece un uso moi habitual do móbil e o 21% da rapazada entre 14 e 25 anos sofre xa dalgún transtorno de comportamento por adicción ás novas tecnoloxías.

Con eses datos, a concelleira de Xuventude, Ana Abelleira, presentaba esta mañá a xornada Uso e abuso das novas tecnoloxías e xogo que se celebrará o próximo día 4 de novembro, ás 19:30 horas, no Auditorio do Vello Cárcere.

“Unha cita moi importante – subliñou Ana Abelleira – non só pola temática a abordar, como son as adiccións tecnolóxicas, ás redes sociais ou ao móbil, que xa comezan a xerar unha grande preocupación social pola súa prevalencia, senón tamén polo prestixio do que goza o condutor do acto, Mariano Chóliz.

A edil enxalzou algún dos traballos deste profesor de Psicoloxía Básica na Universidade de Valencia, onde dirixe un postgrado de especialización sobre Adicción ao xogo e outras adiccións comportamentais.

“Ademais, Mariano Chóliz imparte tamén o postgrado online Prevención de Adiccións Tecnolóxicas e Acoso en Internet. Especializado nesta área e na expresión das emocións, dirixiu varios proxectos de investigación sobre adiccións tecnolóxicas na adolescencia e pertence a diferentes asociacións científicas españolas e internacionais”, engadiu Ana Abelleira quen tamén referiu algún dos artigos e títulos dos que Chóliz é autor, como Adicción al juego de azar, Adicción a Internet y redes sociales: tratamiento psicológico.

“Mariano Chóliz estará acompañado, á súa vez, por Marta Marcos, psicóloga xeral sanitaria – investigadora en adicción ao xogo e adiccións tecnolóxicas na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Valencia. Da súa man poderemos coñecer ademais algúns datos sobre o programa de prevención LUDENS no que se inclúen as primeiras pautas de actuación ante un caso de adicción”, indicou a edil de Xuventude.

Ao día seguinte, logo desta xornada dirixida a todo o público en xeral, “á que animamos a toda a cidanía a asistir” – convidou a concelleira – seguirá outra, no centro Uxío Novoneyra dirixida polos mesmos profesionais, pero neste caso, cun perfil máis técnico e formativo para o persoal do Concello na que se abordará o estado actual da adicción ao xogo na adolescencia en Galicia e en España.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com