Marta Míguez apoia a construcción do rocódromo en Lugo sempre que “se garanta a súa viabilidade”

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, respondeu esta mañá á pregunta oral sobre a construción dun rocódromo na cidade de Lugo, cando comparecía na comisión primeira de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia. Na cámara parlamentaria, a titular de Deporte destacou que o posicionamento da Xunta neste tema é “ben claro” amosando “total apoio á construción do rocódromo na cidade de Lugo sempre que se garanta a adecuación da inversión e a súa viabilidade”.

Desa mesma forma, citou a Lei do Deporte que establece como competencia de todas as administracións públicas “a planificación e promoción dunha rede de instalacións deportivas que posibilite a xeralización práctica da actividade deportiva”. Nas súas verbas, a secretaria xeral categorizou que “o obxectivo de todas as nosas accións sempre será a constante procura das mellores condicións para a nosa Comunidade e, como non, das mellores instalacións deportivas”.

Nesta liña, Marta Míguez falou dos importantes beneficios que podería xerar o rocódromo en Galicia tanto na actividade deportiva federada – a Federación Galega de Montañismo e a Federación Galega de Espeleoloxía suman máis de 5.000 licencias deportivas-, coma no deporte base con actividades deseñadas para aos máis pequenos ou no deporte orientado ás persoas con discapacidade a través de propostas encamiñadas a ser unha vía de inclusión social e desenvolvemento.

Ademais, a secretaria xeral lembrou que a escalada deportiva será deporte olímpico en Tokío 2020 e apuntou que “Galicia ten que apoiar todos aqueles deportes nos que os nosos atletas teñan oportunidades de acadar éxitos, máxime nos Xogos Olímpicos nos que xa contamos con 19 medallas”. A nivel social, afirmou que esta infraestrutura axudará “a contribuír a crear unha Galicia máis activa e saudable”.

No entanto, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico sinalou que “antes da realización de calquera investimento da Secretaría Xeral realízase un exhaustivo estudo da situación atendendo aos criterios de necesidade e urxencia”. Deste xeito, o rocódromo de Lugo é unha instalación “que debe pasar por este proceso de avaliación para garantir o acerto, a viabilidade e, ante todo a eficacia e a eficiencia na utilización dos recursos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com