A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, supervisou na mañá de hoxe o estado das instalacións lucenses da pista de tenis e patinaxe do Saviñao e do campo de fútbol de Guntín tras as actuacións que se levaron a cabo para a súa mellora e que foron financiadas pola Xunta de Galicia e as corporacións locais. A máxima responsable do deporte galego salientou a importancia da coordinación entre as diferentes institucións públicas para acadar un mapa de infraestruturas deportivas renovado e que cubra á perfección as necesidades da poboación galega.
Por unha banda, e en virtude do convenio asinado o pasado 15 de marzo entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello do Saviñao, realizáronse as obras que afectan á pista de tenis e patinaxe sita no Campo da Lama. Estas actuacións tiveron un importe total de 19.222,52 euros dos que a Xunta de Galicia achegou 15.000 euros e o Concello do Saviñao os restantes 4.222,52 euros. Estas obras responden ao compromiso da visita realizada pola secretaria xeral o pasado 2 de marzo onde se anunciou a inmediata sinatura do convenio para esta intervención.
Por outra banda, segundo o convenio rubricado o 8 de xuño entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Guntín para a reparación do terreo de xogo do campo de fútbol de Guntín, ambas entidades realizaron esta actuación que contou cun orzamento total de 43.099,93 euros dos que a Xunta de Galicia achegou 20.000 euros e o Concello de Guntín os restantes 23.099,93 euros.
Marta Míguez apuntou que a Xunta de Galicia continuará apostando pola remodelación das infraestruturas deportivas de Galicia para que todos os galegos e galegas “poidan ter acceso a unhas instalacións renovadas e que isto redunde nun incremento da práctica deportiva e, por conseguinte, da saúde do noso pobo”. Cómpre sinalar que a Secretaría Xeral para o Deporte destina neste 2017 un total de 2.425.570 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia, destinando 1.348.000 euros en particular para as obras nas infraestruturas deportivas dos concellos de Galicia.